DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de Extensión Universitaria 2012 en Pontevedra

O campus renova a súa oferta de cursos de verán

Ofrécese un programa formativo especializado que acolle obradoiros de astronomía ou de fusión de met

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 28/05/2012

Para que o alumnado poida ir planificando a súa axenda estival, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra presenta a súa oferta de cursos de verán con cinco seminarios complementarios “que permitirán compaxinar descanso e formación”. Desta volta, a vicerreitoría ofrece un programa de cursos “renovado case na súa maioría” cunha liña formativa pensada para as titulacións específicas do campus pontevedrés “aínda que aberta a todas as persoas da cidade que desexen inscribirse”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus. Co prazo de matrícula aberto, as temáticas abranguen dende a astronomía, ata a fusión de metais brandos, pasando pola formación en balonmán, a explotación da expresión corporal ou a promoción da saúde.

Fernández Souto aclara que se trata dun catálogo de cursos innovador e “moi especializado”, que tenta abarcar distintas temáticas pois “canto máis variado mellor para poder ofrecer unha oferta diferenciada e complementaria de interese para o maior número de persoas”. A directora da área de extensión do campus anima a todo o alumnado a inscribirse nos seminarios “aproveitando esta oportunidade inmellorable, xa que este tipo de cursos tan específicos non están ao alcance todos os anos e a especialización é fundamental nos tempos que corren”, declara.

Astronomía, fusión de metais brandos, iniciación ao balonmán, corpo e saúde

O 25 de xuño botará a andar o primeiro obradoiro centrado en coñecer as utilidades do Observatorio Astronómico de Forcarei, o seu equipamento e localización, para afondar na influencia da astronomía e da súa presenza na vida diaria. “É un curso de iniciación, polo cal está aberto a moitas posibilidades e a todos os públicos”, advirte Fernández Souto. A seguinte proposta é a do curso de microfusión de metais brandos na Facultade de Belas Artes, do 26 xuño ao 19 de xullo, no que os asistentes adquirirán as habilidades e os coñecementos necesarios para pór en práctica a técnica, ademais de poder manipular materiais básicos. A mediados de xullo será a quenda do balonmán cun curso especializado nas técnicas de adestramento na máxima categoría, tanto masculina como feminina, en colaboración co Concello de Pontevedra.

A oferta estival complétase cun obradoiro sobre corpo e arte para estimular a creatividade e experimentar o proceso creativo como fonte de expresión e liberación do potencial humano, rematando cun seminario que porá en valor a importancia da promoción da educación na saúde, impartido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Manuel Isorna, co apoio do Concello de Catoira.

Matrícula

A matrícula, aberta dende o 16 de maio, poderase formalizar entregando a ficha de inscrición no Rexistro Auxiliar na Escola de Enxeñaría Forestal, ou vía web mandándoa á dirección de correo vic.pon@uvigo.es dentro das datas sinaladas para cada curso. Dependendo das características de cada proposta, o custe de cada seminario oscila entre os 30 e os 60 euros con descontos para alumnado bolseiro e para membros da comunidade universitaria e o número de horas varía de 20 a 40, podendo optar a créditos ECTS.