DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría acolleu o acto de benvida ao alumnado internacional deste segundo cuadrimestre

O campus reúne este curso 76 estudantes de 18 nacionalidades

Brasil e México son países con maior representación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/01/2019

Co propósito de darlles unha agarimosa benvida, pero tamén de informalos dos servizos e a actividades que a Universidade de Vigo pon a súa disposición, a Casa das Campás acolleu este venres o acto de benvida aos 27 alumnos e alumnas internacionais que neste segundo cuadrimestre cursarán os seus estudos no campus. Estes súmanse aos 12 estudantes estranxeiros que permanecen en Pontevedra durante todo o curso e aos 37 que o fixeron no primeiro cuadrimestre para un total de 76 alumnos e alumnas internacionais, procedentes de 18 países, que no curso 2017/2018 escolleron Pontevedra para continuar e ampliar a súa formación.

A vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e a directora técnica da Oficina de Relacións Internacionais (ORI) da Universidade, Amelia Rodríguez, foron os encargados de dar a benvida aos novos e novas alumnos internacionais chegados a Pontevedra, nun curso no que, lembrou Doval, “estamos batendo un récord na Universidade de Vigo, con máis de 700 estudantes internacionais”. En declaracións aos medios, Doval puxo de relevo a satisfacción que supón para a institución académica que “cando lles preguntamos porque están aquí, din que na súa universidade lles recomendan a Universidade de Vigo e o campus de Pontevedra”, que con facultades que “son un referente fóra das nosas fronteiras” e que “camiña da man coa cidade como unha oferta única e atractiva”. Nese mesmo senso, Jorge Soto puxo de relevo a importancia de “entender a Universidade como un proceso aberto a outras culturas”, de incrementar as relacións “coas outras universidades do mundo” e de amosar o alumnado internacional as “moitas posibilidades que desde o punto de vista académico” lles ofrece o campus, á vez que, nun intercambio cultural, “mostrarlles tamén todo aquilo que nos identifica como galegos”. 

CCSS e da Comunicación e Belas Artes, os centros máis internacionais

Con nove novos alumnos e alumnas este cuadrimestre e 15 no conxunto co curso, México sitúase un ano máis como un dos países que máis estudantes estranxeiros achega ao campus, xunto con Brasil, de onde proceden once estudantes. Alemaña, con oito, Francia, con sete, e Italia con seis, forman parte así mesmo da relación de 18 países de Europa, América e Asia que achegan alumnado ao campus. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, con 34, e Belas Artes, con 24, son neste curso os dous centros con maior número de alumnado internacional, seguidos de Ciencias da Educación e do Deporte, que recibe once alumnos.

Cursando materias tanto de CCSS e da Comunicación e como de Belas Artes precisamente ampliarán nestes meses os seus estudos de deseño Fernanda Ureta e María José Torres, dúas alumnas do Instutto Tecnológico y de Estudios Superiores de Occidente de Guadalajara (México).  “O que máis nos empurrou a vir aquí é que a Unviersidade tiña estudos de Belas Artes, xa que é algo que vai moi pegado ao deseño nalgunhas cousas”, salienta Ureta, quen recoñece tamén como un dos motivos da súa estadía “que sempre me gustou España e nunca antes viñera a Europa”. 

Procedente da Johannes-Gutenberg-Universitat de Mainz, onde combina os estudos de artes cos de alemán e historia, Ricard Weninger tamén ten como destino a Facultade de Belas Artes neste cuadrimestre. “A formación é interesante, un pouco diferente á de Alemaña, creo que vou aprender moito”, recoñece este estudante, quen busca aproveitar tamén a súa estadía na cidade “para pintar e debuxar, achegarme a cultura española e aprender tamén algo de castelán”. Mellorar o seu dominio do idioma é tamén un dos obxectivos cos que chegaron á cidade Alice Bodin e Matilde Allinghan, procedentes da universidade francesa de Rouen. Estudantes de Fisioterapia, no seu caso, a estadía prolongarase só por tres meses, xa que, explican, “na nosa universidade, a xente de Fisioterapia só pode facer estadías para prácticas”, como as que xa se atopan desenvolvendo no Hospital de Montecelo e nunha clínica da cidade. “Está sendo moi interesante, aínda que é máis difícil polo idioma”, recoñecen dúas estudantes que ven neste estadía “unha grande oportunidade para abrir a mente, coñecer diferentes culturas e ver tamén outras maneiras de facer o noso traballo”.  

Conectar ao alumnado internacional co local

O acto no que este grupo de estudantes recibiu tamén información da oferta cultural, deportiva e de idiomas da Universiadde viuse sucedido por un xantar de confraternidade e por unha visita ao campus guiada por alumnos e alumnas. “Este ano quixemos darlle un formato diferente á benvida ao alumnado estranxeiro”, salientou Doval, quen anunciou tamén que “imos organizar xunto á Vicerreitoría do campus unha serie de actividades de tipo multucultural e tamén interxeneracionais, para conectar ao alumnado estranxeiro co local e para que ambos vivan unha auténtica experiencia de internacionalización”.