DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes e a vicerreitoría reclaman a colaboración da comunidade universitaria

Un Campus Saudable na procura de imaxe corporativa

Este programa contempla accións saudables en medio ambiente, mobilidade, sexualidade e saúde

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 17/02/2011
“A etapa Universitaria xera nos máis novos un certo temor a enfrontarse a unha nova experiencia, algo descoñecido, diferente a todo o que temos vivido. Por iso queremos presentarche un campus diferente, formativo, innovador…Un
Campus Saudable”. Deste xeito, o Servizo de Deportes e a Vicerreitoría do Campus de Ourense presentan o recentemente convocado Concurso Campus Saudable, no que buscan imaxe e nome para o seu programa de accións saudables.

A campaña Campus Saudable é unha iniciativa posta en marcha co gallo de levar a cabo e fomentar accións que fagan a vida na Universidade máis sá e agradable para todos os que participan dela. Comezou co programa Ponte en Forma do Servizo de Deportes e posteriormente ampliou o seu horizonte de traballo ao implicarse outros servizos do campus interesados en contribuír a ter un campus coidado medioambientalmente, habitable en canto á circulación de vehículos e persoas e onde se coida a saúde a través do deporte, da alimentación, dos hábitos sexuais axeitados e do rexeitamento das drogas.

O Concurso Campus Saudable pretende conseguir unha frase, palabra, acrónimo, imaxe ou similar que recolla estas ideas e que permita darlle ao programa de accións unha identidade propia e diferenciada. O premio está aberto á participación de todas as persoas interesadas. Cada participante poderá enviar un ou máis nomes e imaxes, cunha breve xustificación, ao enderezo electrónico pontenforma@uvigo.es. O prazo límite de aceptación de propostas é o venres 4 de marzo de 2011.

Un comité formado polos técnicos implicados no proxecto seleccionará o gañador entre todas as ideas presentadas. Desde o Servizo de Deportes do campus animan á participación do alumnado e demais membros da comunidade universitaria, pois como destinatarios das accións do programa é especialmente interesante que eles reflictan a súa visión do que é un campus saudable. O premio será un Ipad 3G de 16GB, outorgado grazas á colaboración da empresa Todocopia.