DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe comezaron as obras do edificio que ofertará 61 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos

O campus será o primeiro da Universidade en dispor dunha escola infantil

O vicerreitor Jesús Hernández prevé que entre en funcionamento en nove meses

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 18/12/2009

O campus de Pontevedra será o primeiro da Universidade de Vigo en dispor dunha escola infantil na que se ofertarán un total de 61 prazas. Coa sinatura da acta de replanteo por parte do equipo técnico responsable do proxecto e a empresa adxudicataria das obras, Ogmios Proyecto SL este venres deron comezo as obras do edificio orzamentado en 715.200 € e que terá unha superficie pechada de 626,85 metros cadrados e mais 115,15 de porche. O vicerreitor, Jesús Hernández, sinalou que “o proceso administrativo foi longo debido ao elevado número de empresas que se presentaron”. Avaliáronse máis de corenta propostas, o que retrasou o inicio das obras, un trámite que o vicerreitor valorou como “felizmente xa superado” e que definiu como “un imperativo legal alleo á vontade da vicerreitoría”. Prevese que as obras estean rematadas en nove meses, polo que Hernández confía en que a escola se poña en funcionamento o vindeiro curso.
O vicerreitor fai unha valoración xeral do proxecto moi positiva, xa que segundo Hernández “está moi ben formulado, co cumprimento de todas as normativas vixentes e desenvolvido, ademais, por María José Fariña Busto, quen xa tiña experiencia na proxección de garderías”. Segundo o vicerreitor, a nova escola infantil “cubrirá as necesidades da Universidade, pero tamén coa posibilidade de atender as da cidade, ofertando as prazas que non se cubran á cidadanía en xeral”. Desctacou tamén “o emprazamento privilexiado do edificio, nunha contorna de gran beleza a carón do río e moi preto, ademais, de CC da Educación, onde o seu alumnado poderá realizar prácticas”.
Pola súa parte, Fariña Busto, que visitou hoxe o terreo xunto co aparellador, Alejandro Martínez e a vicexerente do campus, Antonia Blanco, destacou que a escola infatil, está pensada dende “a integración paisaxística e a eficiencia enerxética”. Converterase deste xeito na primeira edificación do campus concibida completamente dentro dos parámetros da sostibilidade, algo que se aspira a trasladar ao resto do campus nunha aposta xeral polas enerxías renovables.

Un edificio funcional integrado na paisaxe

Segundo explicou a arquitecta, a escola formulouse como “un edificio moi funcional, tendo en conta o uso que se lle vai dar, que pretende desenvolver o interior desde a súa integración no exterior”. O proxecto presenta un único andar de desenvolvemento lonxitudinal, que por un lado estará orientado cara ao río, onde se situarán as aulas entendidas como un espazo para a observación e a aprendizaxe da natureza, e polo outro estará dirixido ao campus, cun porche cuberto que funciona como filtro de acceso ao patio de xogos. O alzado exterior articularase en torno a esa peza lonxitudinal, sobre a que se enfatizará en altura e transversalmente o corpo central. Estará revestido de paneis de aluminio lacado, un material que, como precisou Fariña Busto, “facilitará a conservación e o mantemento”. Sobre unha cor de fondo homoxénea destacaranse as galerías das aulas pintadas de diferentes cores.

61 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos

A escola infantil terá capacidade para acoller 61 nenos e nenas distribuídos en catro aulas: unha de 0 a 1 anos con oito prazas, outra de 1 a 2 con 13 e dúas de 2 a 3 con 20 prazas cada unha. Desde a entrada principal accederase a un vestíbulo de distribución. Á esquerda estará a área de administración cos despachos de dirección e a sala de xuntas. E á dereita situarase a sala de usos múltiples e o corredor de acceso ás catro aulas. O edificio contará, ademais, nesta área con outros servizos entre os que se contempla unha cociña, unha despensa, vestiarios e un cuarto do lixo. Nesta zona estará situada a escaleira de acceso ao semisótano, onde se localizará a área de instalacións e almacéns, que dispón tamén de acceso por unha entrada secundaria.

Sistema de calefacción optimizado con biomasa

Alejandro Martínez foi o responsable da cualificación enerxética do edificio. Explica que o obxectivo fundamental "é que os consumos eléctricos e de calefacción estean optimizados para que sexa un edificio sostible". No caso do sistema de calefacción empregarán unha caldeira de biomasa, posto que "presenta un nivel de emisión de CO2 neutro". Este tipo de caldeiras empregan como combustible pellets elaborados con restos de actividades madeireiras forestais, agrícolas e industriais que, de non ser por isto, tiraríanse como residuos. A súa reciclaxe significa, como indica Martínez, "unha optimización dos recursos". Para a escolla definitiva da modelo realizouse un estudo con trinta diferentes e finalmente optouse por unha caldeira de fabricación austriaca. "En Galicia mantivemos unha cultura do calor con leña, pero con sistemas de xeración pouco eficientes", sinala o técnico, que engade que, pola contra, "en Austria souberon desenvolver tecnicamente estufas e caldeiras cada vez máis eficaces e automáticas". Para completar a optimización da calefacción o sistema de instalación seleccionado foi o solo radiante que, como precisa Alejandro Martínez, "é un sistema de calefacción de baixa temperatura, capaz de quentar con menos consumo".

Apoio cun sistema de captación de enerxía solar por tubos de baleiro

A biomasa será a enerxía empregada tamén para o quentamento da auga durante a tempada fría. No verán apoiarase cun sistema de captación de enerxía solar por tubos de baleiro, "unha tecnoloxía máis avanzada que os paneis solares planos", precisa o aparellador. Estas características, unidas ao sistema de illamento do edificio, no que se procurou empregar unha envolvente térmica eficaz, permitiranlle ao proxecto obter a Etiqueta de Cualificación Enerxética B. Os técnicos están xa estudando como optimizar o apartado de iluminación para poder subir un nivel nesta valoración e optar á categoría A. Así mesmo, o emprego de enerxías renovables permitirá poder solicitar as axudas correspondentes do INEGA.