DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Vicerreitoría e a Deputación de Ourense

O campus sitúa o seu proxecto de bolsas internacionais entre os mellores de España

O día 19 remata o prazo para presentar as solicitudes da segunda convocatoria de 2008

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 15/07/2008

A Vicerreitoría do campus e a Deputación de Ourense consolidan o seu proxecto de bolsas internacionais como un dos mellores de España, despois que fora valorado na resolución de Fondos Europeos para 2009 coa puntuación máis alta, xunto cos procedentes de Navarra e Castela a Mancha. As bolsas permitirán a un centenar de novos titulados ourensáns disfrutar o vindeiro ano dunha estancia en calquera país da UE, realizando prácticas profesionais en empresas seleccionadas e adquirindo competencias lingüísticas noutro idioma. A aprobación do plan para 2009 dá continuidade ao proxecto estrela de mobilidade e emprego do campus, que comezou a funcionar este ano e que pretende brindarlle a oportunidade dunha experiencia no estranxeiro a 500 alumnos nos próximos cinco anos.
Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus explicou que a avaliación recibida, con 89 puntos sobre 100, “significa que estamos a facer as cousas ben para reivindicar a categoría que temos, grazas á aposta da Deputación a través da súa Unidade de Promoción e Desenvolvemento,” dixo. Dende o campus quérese ofrecer ao alumnado a posibilidade de adquirir competencias profesionais no estranxeiro como “unha vantaxe competitiva fundamental” comentou Gálvez, e o seu éxito o avalan as numerosas solicitudes presentadas na primeira convocatoria “que dobraron o número de prazas que tiñamos” engadiu. A previsión de que medio millar de alumnos podian beneficiarios desta axuda internacional, que inclúe gastos de desprazamento, aloxamento, seguro, seguimento do traballo e un curso de inmersión lingüística, "sitúa o de Ourense á cabeza dos campus galegos e incluso me atrevería a dicir que de toda España, sendo o sétimo que máis fondos recibe, un total de 258.000 euros para 2009” comentou o vicerreitor.
Pola súa banda o presidente da Deputación, José Luis Baltar, subliñou que o recoñecemento “é froito do esforzo, tanto da Vicerreitoría como da UPD”.  Baltar reiterou, tamén, o seu compromiso de investir en formación, “porque a oportunidade de realizar prácticas de calidade en empresas coidadosamente seleccionadas e de desenvolverse noutra lingua, mellora o noso capital humano”. O obxectivo, como sinalou José Juan Cerdeira, director da UPD, é crear unha cultura nos titulados “para que cando rematen a carreira completen a súa formación traballando fóra, para o que o de Ourense é un dos campus que ofrece máis posibilidades” explicou. Para iso, “a nosa aposta estratéxica de 500 persoas é moi ambiciosa e repercutirá positivamente no mercado laboral aumentando a cualificación dos traballadores” dixo.

Aberta unha nova convocatoria de bolsas

Esta semana, concretamente o día 19, pecha o prazo da segunda convocatoria de 2008 para solicitar unha das bolsas internacionais que ofrece o Programa Europeo. Os interesados deberán rexistrarse na páxina web da UPD e seguir os pasos que nela se indican.
Neste momento, están nos seus destinos de Lisboa, Lyon, Florencia, Roma, Dublín e Berlín, os primeiros 40 beneficiarios do proxecto e as súas experiencias están a ser moi positivas. Tanto é así que moitos deles recibiron ofertas das empresas que os acollen para quedar traballando nelas, “o que dá unha idea da calidade da formación dos nosos alumnos, que son a carta de presentación do campus” afirmou o director da UPD.