DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dos que remataron o curso de inmersión lingüística en xullo, 20 matriculáronse nos tres campus

Campus Spain consolídase como unha ferramenta de captación de alumnado internacional para a UVigo

Esta semana arranca unha nova edición do programa, con 60 inscritos dunha ducia de países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI 13/09/2023

Máis aló do alumando de intercambio procedente doutras universidades que decide realizar unha estadía temporal na UVigo, a institución académica tamén acolle dende hai varios anos estudantes estranxeiros que, a través do programa Campus Spain, veñen estudar español a Vigo durante meses para despois poder matricularse nun grao ou mestrado unha universidade española. Esta iniciativa estase a consolidar como unha excelente ferramenta de captación de alumnado internacional para a UVigo, xa que moitos destes mozos e mozas apostan por quedar aquí para cursar os seus estudos superiores. De feito, dos 80 alumnos e alumnas que o curso pasado completaron o programa formativo LCA (Lingua, Cultura e Adaptación á universidade española), unha vintena matriculáronse xa na UVigo, procedentes de Tunisia, India, Australia, Sudán, Malaisia, Marrocos, Perú, Colombia, Indonesia e Líbano. 

Para a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, Campus Spain está demostrando ser “unha verdadeira ferramenta de captación” que axuda a abrir os campus ao alumnado foráneo e a cumprir un dos eixos centrais do Plan Estratéxico da institución, a internacionalización. Neste sentido, recalca a vicerreitora, o alumnado de Campus Spain, que durante meses se forma da man do Centro de Linguas, potencia tamén a internacionalización do alumnado propio, por exemplo, a través de tándems de conversa en diferentes idiomas, “que no curso pasado funcionaron moi ben”, explica.

Benvida a 60 novos estudantes este cuadrimestre

Esta semana a Universidade está a dar a benvida a unha nova quenda de alumnado de Campus Spain, arredor de 60 persoas de máis dunha ducia de países. Proceden fundamentalmente de Tunisia, Filipinas, Indonesia e Malaisia, aínda que tamén hai mozos e mozas de Exipto, Turquía, India, EUA, Sudáfrica, Xapón, Sri Lanka ou Burundi.

40 deles xa están en Vigo e este martes participaron nun acto de benvida na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no que foron recibidos pola vicerreitora Maribel del Pozo e pola técnica de Captación, Ana Caamaño, en representación da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. Ata finais de xuño completarán a súa formación para poder acreditar un CertAcles de español no verán de 2024 e poder así matricularse nunha universidade española a partir do vindeiro ano académico.

Hoxe mércores tiveron un acto de benvida académico no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución e as clases comezarán mañá xoves 14. Durante estas primeiras semanas iranse incorporando o resto de estudantes deste grupo, que están tramitando os visados e en xaneiro incorporarase outro grupo ao programa semestral xaneiro-xullo. O obxectivo de todos e todas é acadar un nivel suficiente de español para formarse no sistema universitario español, e fano da man dos docentes do Centro de Linguas da UVigo. O curso LCA  está aberto a persoas a partir de 16 anos e comprende sesións teóricas e prácticas nas que se traballan contidos lingüísticos a través de tarefas comunicativas, visitas a lugares emblemáticos nos que o alumnado realiza distintas actividades (entrevistas, investigacións, etc.), e obradoiros impartidos por expertos para afondar na idiosincrasia de distintas áreas.