Nun concerto no que participan o coro do campus e alumnado de CC da Educación e do Deporte
O campus suma as súas voces ao 50 aniversario do CEP Antonio Magariños de Cambados
Compartirán repertorio cos nenos e nenas do centro
O colexio Antonio Magariños Pastoriza de Cambados celebra o vindeiro mércores 30 de maio o seu 50 aniversario cun concerto no que os alumnos e alumnas deste centro compartirán protagonismo e escenario coas voces chegadas desde o campus de Pontevedra. Concretamente cos e as integrantes do coro do campus e con 25 estudantes da materia Técnica vocal e práctica vocal, dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, que, ademais de interpretar varias pezas en solitario, actuarán conxuntamente cos grupos de nenos e nenas de diferentes cursos do colexio homenaxeado.
O Salón de Congresos e Exposicións José Peña de Cambados será, o vindeiro mércores 30 ás 11.00 horas, o escenario dunha actuación “moi entrañable e que ten tamén unha parte pedagóxica”, salienta o director do coro e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Marco Lucato, responsable tamén de definir o repertorio dun concerto no que se combinan as pezas interpretadas en solitario polo coro ou polos grupos de alumnos de diferentes cursos que coordina a profesora do CEP Antonio Magariños Lucía de Jesús González, con outra serie de cancións nas que nenos e nenas estarán acompañados polas voces do coro ou do alumnado da facultade. “Estamos falando de futuros mestres, polo que para eles ter un contacto cos seus futuros alumnos e poder facer unha actividade con eles é unha experiencia de intercambio moi interesante”, engade nese senso Lucato.
Un percorrido por diferentes xéneros
Coa participación, en diferentes pezas de grupos de estudantes de terceiro, quinto e sexto de primaria, esta actuación contará cun “repertorio interesante, que abrangue un pouco de todo, do clásico ao folclórico, con diferentes pezas representativas do que é a música vogal”, salienta Lucato. Deste xeito, entre as 13 cancións que integran o programa da actuación hai lugar tanto para o jazz ou a música brasileira, como para unha canción xaponesa, diferentes bandas sonoras ou mesmo un canto responsorial hebreo e unha canción africana.