DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acollendo unha exposición e unha mesa informativa da AECC de Ourense

O campus súmase á conmemoración do Día Mundial da Investigación en Cancro

A mostra permite ver a evolución histórica desta enfermidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 25/09/2023

Este luns 24 de setembro celébrase o Día Mundial da Investigación en Cancro. Uníndose a esta conmemoración e ás súas reivindicacións, o campus de Ourense acolleu unha mesa informativa e a inauguración dunha exposición sobre a historia desta enfermidade, dúas iniciativas da Asociación Española contra o Cancro en Ourense. A cita contou coa asistencia, entre outros, de Mónica Villanueva, directora da Área de Coordinación do campus de Ourense; Carmen Aragonés, xerenta da citada asociación; María José Pérez, decana da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, e Julia Carballo, en representación do proxecto de divulgación científica eXXperimenta en Feminino.  

A mesa informativa, indicaron desde a AECC Ourense, tivo como obxectivo principal visibilizar ante a comunidade universitaria o traballo que realiza esta entidade e os servizos que ofrece, facendo ademais fincapé no caso do alumnado universitario das consecuencias de hábitos como fumar ou 'vapear'. Pola súa banda, a exposición inaugurada titúlase A investigación do cancro: un desafío milenario. Situada na entreplanta do edificio Politécnico ata a vindeira semana, nela pode verse un repaso divulgativo pola historia do cancro desde a prehistoria ata a actualidade, deténdose en momentos decisivos tanto desde o punto de vista científico como histórico. “O noso reto é conseguir en 2030 unha supervivencia do 70% e o único xeito de acadalo é a investigación”, comentou Carmen Aragonés, facendo fincapé neste senso na importancia de que as e os investigadores españois conten coas mesmas oportunidades que os doutros países para desenvolver o seu traballo.