DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Edificio de Ferro acolleu un dos postos informativos desta acción

O campus tamén se solidarizou coa campaña 'Unidos pola medula'

A iniciativa levouse a cabo simultaneamente en 30 universidades estatais

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 06/05/2014

Este martes máis de 30 universidades de toda España uníronse á celebración dunha xornada dedicada á concienciación sobre a doazón de medula nunha campaña organizada por un grupo de persoas voluntarias sen ánimo de lucro agrupadas baixo o lema Unidos pola medula. O campus de Ourense uniuse a esta iniciativa acollendo na entrada do Edificio de Ferro unha mesa informativa na que tres voluntarias informaron durante toda a mañá á comunidade universitaria sobre a realidade desta doazón e sobre a súa importancia.

“O obxectivo desta campaña é axudar a rachar o medo que hai arredor da doazón de medula, que se ve como algo moi doloroso e complicado. O que os promotores desta iniciativa queren é que a xente dea o paso de cando menos informarse para coñecer exactamente cal é o seu procedemento e a súa relevancia”, destacou Elsa Diéguez, da Oficina de Voluntariado do campus, que colaborou na iniciativa. Deste xeito, desde a organización da campaña fíxose fincapé en que é vital a difusión entre a poboación universitaria da mensaxe de que a súa axuda é fundamental, por tratarse de xente nova e solidaria. Segundo os datos que manexan, cada ano en España 300 persoas non atopan ese doante compatible que lles pode axudar a seguir vivindo. Pola falta de información e non de solidariedade, advirten, este país está á cola no mundo en canto a doantes de medula.

Para loitar contra esta situación, tres voluntarias repartiron este martes información entre os membros da comunidade universitaria na que se facía fincapé en que fosen solidarios e perdesen o medo a facerse a analítica de sangue que é preciso ter para saber se unha persoa é ou non posible doante. Esta analítica, apuntaron desde a organización, non é dolorosa nin perigosa e permite ás persoas coñecer se poden ou non ser doantes e o que iso supón. Ademais de repartir folletos nestes postos ubicados nas universidades españolas, a campaña tamén incluíu unha ampla difusión nas redes sociais, nas que se pedía a colaboración dos cidadáns para axudar a divulgar a importancia da doazón de medula e para eliminar a desinformación arredor deste tema.