DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Oswaldo García viaxou a un campo de refuxiados de Tinduf con material doado por CCSS e da Comunicaci

O campus téndelle a man ao pobo saharaui

O profesor destaca por riba de todo a súa hospitalidade e a preocupación pola educación dos seus cat

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 18/01/2012

200.000 refuxiados sobreviven dende hai máis de 40 anos en terra de ninguén e dependen case ao 100% das axudas humanitarias. Para o profesor Oswaldo García, esta situación que vive o pobo saharaui dende 1975 forma parte da “nosa realidade sociopolítica” polo que sentiu a necesidade de comprometerse coa causa e achegar o seu gran de area colaborando e viaxando coa organización CEAS Sáhara aos campamentos de refuxiados. “Moveume a curiosidade por entender o que me rodea e coñecer de primeira man a compoñente humana que existe detrás dos conflitos bélicos e políticos”, explica. Unha vez que os seus compañeiros de despacho da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación souberon das súas intencións, aproveitaron a oportunidade para facer extensible a colaboración a todo o centro.

CEAS Sáhara fixo unha relación dos elementos que poderían ser máis útiles na zona “e un deles referíase ao material escolar e de oficina”, sinala García. O decanato da facultade actuou de altofalante para facer chegar a proposta de doazón a todo o persoal do centro que respondeu moi positivamente á iniciativa achegando excedentes e material en desuso “que agora volve a ser útil, como os maletíns dos congresos que imos acumulando nos despachos”, destaca Juan Corbacho, decano da facultade. Corbacho salienta a forte implicación tanto de PAS, PDI e alumnado pondo de relevancia que “a solidariedade tamén é un valor que se fomenta dende a Universidade”.Tanto foi o volume de material recadado que Oswaldo García non puido viaxar con todo “obrigándome a deixar unha parte en Galicia”, comenta o docente. Todo o que non puido ser transportado trasladouse a SOGAPS, Solidariedade Galega co Pobo Saharaui “e será enviado en outro paquete de axuda humanitaria nos próximos meses”.

Respecto, solidariedade e hospitalidade

O profesor estivo máis dunha semana instalado no campamento de refuxiados 27 de Febrero, preto de Tinduf, zona desértica do noroeste de Arxelia. “En concreto estiven aloxado na haima de Fatma convivindo co seu marido, as súas fillas e catro compañeiros máis de viaxe”, aclara. A pesar do inhóspito do lugar, da pobreza e da situación de precariedade que os rodea, o docente salienta o espírito solidario dos saharauis “facéndome sentir como na casa e compartindo con todos os poucos bens materiais que teñen”. O cariño, o respecto e un gran sentido do humor foron outros dos aspectos que García gabou dos seus provisionais veciños.

Preocupación vital pola educación

Pero o que máis lle sorprendeu ao profesor foi a relación estreita entre os pais e nais cos seus fillos. “Demostran unha gran preocupación pola educación dos seus cativos e dedícanlles grandes doses de tempo e paciencia”, de aí que en menos de 10 anos o pobo saharaui pasara de ter unha taxa de analfabetismo dun 73 % á total escolarización da poboación de 3 a 16 anos. Por outra banda, para eles é importante a formación das mulleres pois son elas as que se responsabilizan da xestión dos campamentos. Así desenvolven escolas específicas para elas, como a Escola 27 de Febrero.

Como docente de Comunicación Audiovisual, Oswaldo García amosou especial interese pola Escola de Cine que CEAS Sáhara desenvolveu en este campamento recentemente co fin de formar e dar opcións de emprego aos mozos saharauis, ademais de preservar e difundir o patrimonio cultural do lugar. “Tendo en conta as circunstancias, está moi ben dotada tecnicamente polo que cabería a posibilidade de plantexar un proceso de enriquecemento mutuo entre a facultade e esta escola, pero lonxe de paternalismos”, aclara García. Tal foi a experiencia que o docente ten pensado volver por terras saharauis, “quizais cando se celebre a próxima edición do Fisahara, o Festival de Cine do Sáhara”, confesa.