DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha xornada conmemorativa e cun curso organizados pola Vicerreitoría e pola UNED

O campus únese á celebración do bicentenario da Constitución de 1812

Os expertos coinciden en salientar a transcendencia histórica da primeira carta magna española

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 26/10/2012

A primeira carta magna liberal de España cumpriu douscentos anos o 19 de marzo de 2012. Por este motivo, foi obxecto de homenaxes en practicamente todas as universidades españolas e en numerosas institucións. O campus de Ourense quere tamén unirse a este recoñecemento coa celebración dunha xornada conmemorativa o día 19 de novembro e acollendo os días 20 e 21 de novembro o curso da UNED titulado .

“A Constitución de 1812 tivo unha transcendencia histórica tremenda, pois supuxo o nacemento das liberdades e dos dereitos civís no noso país, a aparición do concepto de cidadán e os albores da contemporaneidade”, explica Jesús de Juana, coordinador da iniciativa. Segundo subliña o docente da Universidade de Vigo e director da UNED en Ourense, para entender a relevancia deste documento hai que ser conscientes de que foi un modelo que inspirou cartas magnas españolas posteriores e incluso constitucións doutros países. Por esta importancia, apunta o historiador, e tendo en conta a confluencia de docentes da Área de Historia Contemporánea da Universidade que tamén son docentes na UNED, decidiron organizar esta iniciativa coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense.

A actividade comezará na Facultade de Historia do campus o día 19 de novembro coa celebraciónda xornada conmemorativa. Nela, María Jesús Baz, Xosé Ramón Barreiro, Roberto Blanco Valdés, Andrés Cassinello e Luis Antonio Ribot afondarán en aspectos como as Cortes de Cádiz, o marqués da Romana, a recepción desta constitución en Galicia e a participación das mulleres na liberación autonómica de 1809. O martes día 20 a actividade continuará coa celebración do curso da UNED A Constitución de 1812: guerra e revolución e coas intervencións de dous docentes da Universidade de Vigo. Jesús de Juana falará sobre o clero galego nas Cortes de Cádiz e Julio Prada sobre as cortes e a Constitución de 1812. Por último, Josefina Martínez, directora das xornadas e docente da UNED, intervirá sobre a percepción da Guerra da Independencia a través do cinema. Para rematar este curso, o mércores 21 celebrarase un percorrido guiado pola cidade baixo o título Ourense decimonónico.

O prazo para a inscrición nesta actividade, de 20 horas de duración, está aberto ata o día antes da súa celebración a todos os membros da comunidade universitaria e de fóra dela interesados, concedéndose dous créditos de libre elección e un crédito ECTS para o alumnado da UNED e un crédito de libre elección para o alumnado da Universidade de Vigo.