DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A equipa feminina perdeu contra o Pabellón Ourense por 21 puntos

O Campus Universitario ascende na táboa tras a vitoria contra o Compañía de María Asesoría Espiñeira

Os xogadores de xadrez acumulan unha nova derrota ao perder contra o Karpov Amateur

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 09/03/2009

O Campus Universitario masculino continúa coa racha de boa sorte, vencendo esta fin de semana ao Compañía de María Asesoría Espiñeira por 74-68 puntos. Tras esta vitoria ascende na táboa de clasificación situándose no décimo posto. O partido estivo marcado pola situación favorable para os ourensáns, “fomos gañando case todo o encontro, con diferencias de entre 12 e 15 puntos no marcador”, explicou o adestrador Javier Pérez. Nos dous últimos minutos do partido a situación complicouse un pouco, xa que o equipo contrario defendeu con maior agresividade e logrou recortar a diferencia ata catro puntos, “aínda que nunca vimos en perigo o encontro”.
No tocante ás xogadoras a sorte non estivo do seu lado, polo que seguen acumulado derrotas. O Pabellón Ourense logrou vencer ao Campus Universitario feminino por 51-72 puntos, unha ampla distancia que reflicte a súa superioridade no terreo de xogo. Tras esta derrota sitúanse no oitavo posto da clasificación con 11 partidos perdidos e só seis vitorias.

Próximo partido

A fin de semana traerá consigo novos encontros e oportunidades para seguir ascendendo. Os xogadores do Campus Universitario enfrontaranse contra o CB Grúas Estación Padrón, último clasificado da liga, nun partido que se xogará o sábado 14 ás 17.00 horas no pavillón universitario. Segundo o adestrador, este encontro “supón unha boa oportunidade para seguir aumentando o número de vitorias” e afastarse das últimas posicións da liga. A pesar de que no enfrontamento da primeira volta da liga contra este equipo saíron vitoriosos, Pérez non se relaxa xa que “virán con forza e ganas de romper a súa mala racha”.
Pola súa banda a equipa feminina que tamén xogará no pavillón universitario terá como rival ao CB Arxil Mafari, sexto clasificado da táboa. A cita será o sábado 14 ás 19.00 horas.

Xadrez universitario

O xadrez Universitario Ourense continúa acumulando derrotas. Nesta ocasión, foi o Karpov Amateur o equipo que logrou vencelos cun marcador moi amplo por 3,5-05. O capitán do equipo, Lino Hermida amósase apenado pola derrota, “non tivemos nada que facer, porque son superiores a nós”.
Hermida conta con máis esperanzas para o próximo encontro, no que se enfrontarán ao Breogán no seu terreo en O Grove,”agardamos que nesta rolda poidamos acadar un resultado positivo” A cita será o sábado 14 ás 17. 00 horas.