DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xogadoras gañaron por 63-48

O Campus Universitario caeu ante o C.B. Mos Noribérica por 69-57

O equipo de xadrez sitúase terceiro na táboa tras o empate contra o Bueu

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 19/01/2009

O equipo masculino do Campus Universitario continúa coa racha de mala sorte. O encontro desta fin de semana contra o C.B. Mos Noribérica, segundo da clasificación, saldouse cunha derrota por 69-57. Con este resultado, os xogadores sitúanse no décimo posto da táboa cun balance de sete partidos perdidos e oito vitorias. “Aínda que xogamos un pouco mellor que a anterior semana non conseguimos gañar”, comentou o adestrador, Javier Pérez. Foi un partido complicado “xa que nos enfrontábamos a un equipo dos que está arriba e a iso sumáronselle as baixas pola nosa parte”. Para Pérez, “estivemos ben defensivamente pero non no ataque”. O partido estivo controlado ata o terceiro cuarto, no que os xogadores do Mos conseguiron adiantar por case 13 puntos ao Campus Universitario, o que finalmente deu en derrota para os da casa.
No tocante ás xogadoras, a vitoria contra o Maristas Cubicaje Valle Inclán, equipo situado na última posición da clasificación, foi por 63-48 puntos. Tras este encontro ascenden ata o oitavo posto da táboa, a cinco puntos do primeiro.

Próximo encontro

Na décimo quinta xornada, o inicio da segunda volta, os xogadores ourensáns enfrontaranse ao Liceo Casino de Vilagarcía, “un equipo que está abaixo connosco, polo que é bastante importante facer valer a nosa vantaxe”, dixo Pérez. O partido xogarase no Pavillón de Castelao o sábado 24 ás 17.00 horas.
Pola súa banda, a equipa feminina xogará a décimo terceira xornada o domingo 25 ás 17.00 horas no Pavillón de Esteiro. O rival será o Universitario de Ferrol, que se atopa un posto por debaixo na táboa clasificatoria.

Segunda xornada de xadrez

O Universitario Ourense de xadrez obtivo un empate na segunda xornada da Liga Galega. Nesta ocasión José Doval, Antonio Fernández, Lino Hermida e Álvaro Suárez non puideron impoñerse ao Bueu, “rematando o encontro cun marcador igualado a 2”, comentou Hermida, capitán do equipo. Non obstante “a tempada comezou ben, xa que na primeira xornada vencemos ao Celanova por un punto”. Con estes resultados o equipo ourensán sitúase no terceiro posto da clasificación cun total de 4,5 puntos. O próximo encontro xogarase o sábado 24 no Pavillón Universitario ás 17.00 horas. O contrincante será, desta vez, o Xadrez Ourense.