DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sección feminina perdeu por 73-46 puntos

O Campus Universitario caeu ante o CB Noia a 40 segundos de rematar o encontro

O equipo de xadrez non conseguiu superar ao CFX - Casa da Xuventude

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 09/02/2009

Pouco lles faltou nesta ocasión aos xogadores do Campus Universitario para obter a vitoria. Un marcador final de 63-61 reflicte o axustado que estivo o encontro, sen embargo o CB Noia conseguiu, a falta de 40 segundos para rematar o partido, marcar un tiro triplo que lles deu o triunfo. Segundo o adestrador Javier Pérez, “non faltou tempo, senón que sobrou, xa que no último minuto íamos gañando de un”. A calidade do equipo contrario, segundo clasificado da liga, prevaleceu aínda que foi un encontro moi disputado “e con diferencias de marcador moi pequenas”. A pesar de que unha derrota sempre é algo negativo, para Pérez “o resultado non é tan malo porque xogamos ben e contra un equipo forte, tan só nos faltou un pouco de fortuna”. Tras este encontro os xogadores sitúanse no undécimo posto da clasificación con 24 puntos, sete menos que o primeiro da táboa.
No tocante a sección feminina do Campus Universitario non se pode dicir que o partido estivese axustado, senón todo o contrario; o Seguros La Fe Compañía de María amosou a súa superioridade gañando ás ourensás por case 30 puntos de diferencia, cun marcador de 73-46 puntos. Con este resultado negativo, as xogadoras descenden na clasificación ata o oitavo posto.

Próxima xornada

O equipo masculino enfróntase na próxima xornada, a número 17 da liga, a un partido importante “xa que a clasificación estase comprimindo por abaixo e precisamos unha vitoria para afastarnos”, comentou Pérez. O encontro xogarase o sábado 14 ás 17.00 horas no pavillón universitario. O rival a bater é o CB Arteixo, tan só un posto por riba na clasificación. Segundo explicou o adestrador, “son un equipo con pouca rotación de xogadores, moi pausados e fortes nas defensas zonais” por iso o seu obxectivo será cambiarlles o ritmo de xogo. “Temos que ir tranquilos, sabendo que se xogamos como sabemos non teremos problemas para sacar o partido adiante”.
Pola súa banda, a equipa feminina loitará contra o La Salle, primeiro clasificado da liga. O encontro terá lugar no pavillón universitario ás 19.00 horas este sábado.

Quinta rolda de xadrez

Para o xadrez tampouco foi unha boa fin de semana, no seu enfrontamento contra o CFX-Casa da Xuventude saíron derrotados 1-3. “Son bos xogadores e nós tan só conseguimos gañar o segundo taboleiro”, explicou Lino Hermida, capitán do Universitario Ourense. Tras este resultado negativo sitúanse no noveno posto da liga con oito puntos. Este sábado 14 terán ocasión de mellorar a súa situación no caso de gañar o enfrontamento contra o Fischer situado no quinto lugar da táboa de clasificación. O encontro será ás 17.00 horas no Edificio de Ferro.