DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A equipa feminina perdeu ante o Fixagal María Pita por 41-58

O Campus Universitario consegue derrotar ao CB Tui por 82-71 puntos

Os xogadores de xadrez lograron o empate 2-2 contra o Infortui

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 30/03/2009

Os xogadores do Campus Universitario recuperan o bo ritmo cunha vitoria ante o CB Tui, cuarto clasificado da liga. Un marcador 82-71 puntos amosa o bo xogo que fixeron ante os seus rivais. A pesar do alto nivel do equipo contrario, os de Ourense souberon impoñerse no marcador. Esta vitoria é debida en parte, tal como explica o seu adestrador, Javier Pérez “á tranquilidade que dá ter cumprido o obxectivo da tempada de manterse nesta división”. Os xogadores conseguiron relaxarse e xogar para divertirse sen a presión de ter que acadar un bo resultado, isto fixo que “as cousas fosen máis doadas e que tivesen máis soltura no terro de xogo”, o que finalmente repercutiu no marcador.
Tras esta vitoria o Campus Universitario mantense no noveno posto cun balance, case equilibrado, de 12 partidos gañados e 13 derrotas.
A equipa feminina, pola súa banda, segue sen levantar cabeza e acumulando unha derrota máis ás 13 que xa tiñan. O rival que conseguiu bater o seu xogo foi, nesta ocasión, o Fixagal María Pita que logrou a vitoria por 41-58. A pesar do mal resultado mantéñense no undécimo posto da clasificación con tan só 26 puntos, dous máis que o último equipo da táboa.

Próximos encontros

Para o sábado 4 agardan novos partidos para ambos equipos. No tocante aos xogadores veranse as caras co CBC Pontevedra, “un equipo novo coma o noso nesta división”, que se sitúa no sétimo lugar da clasificación. Na primeira volta xa se enfrontaron a eles, quedando os xogadores do Campus Universitarios en mal lugar tras a derrota. O adestrador agarda que nesta ocasión non se repita a mesma situación e “poidamos recortar a distancia que nos separa deles”. O encontro será no Pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Pontevedra ás 18.30 horas.
Pola súa banda, as xogadoras enfrontaranse ao Canteiras Porriño, cuarto clasificado da liga. O encontro terá lugar no Pavillón Municipal de Porriño o sábado 4 ás 18.00 horas.

Novo empate para o equipo de xadrez

Parece que os xadrecistas do Universitario Ourense mantéñense no empate polo momento, repetindo o mesmo resultado que a semana pasada. O seu contrincante o Infortui non foi capaz de impoñerse ante a estratexia dos ourensáns, na que foi a undécima rolda da liga, polo que o marcador final amosou un 2-2. En palabras do capitán do equipo, Lino Hermida, “o encontro estivo todo o tempo bastante igualado”; a pesar de que o resultado podería ser mellor atópase satisfeito e agarda que “consigamos manternos nesta división para o próximo ano”.
O próximo encontro, o penúltimo da liga, non se xogará ata despois das vacacións de Semana Santa. O seu rival, nesta ocasión, será o Peña Recreativa-Pera que se atopa situado por riba deles na clasificación. A cita co xadrez terá lugar o sábado 18 de abril ás 17.00 horas na ludoteca do Edificio de Ferro.