DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A equipa feminina caeu ante o La Salle por 39-52

O Campus Universitario consegue a primeira vitoria do ano contra o CB Arteixo por 71-65

O xadrez Universitario Ourense suma a terceira derrota consecutiva

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 16/02/2009

Tras varias derrotas consecutivas o Campus Universitario masculino obtén a súa primeira vitoria dende que comezou o ano 2009. O partido contra o CB Arteixo saldouse cun marcador 71-65 a favor dos ourensáns. O encontro comezou moi ben, “saímos moi concentrados e con moita intensidade”, comentou o adestrador do equipo Javier Pérez; sen embargo no segundo cuarto o Arteixo conseguiu “romper o ritmo do partido, o que nos prexudicou bastante”. Tras este parón no encontro, os xogadores do Campus Universitario tan só puideron manter a vantaxe que tiñan no marcador, pero “no último cuarto conseguimos a sorte que nos faltaba e logramos gañar o partido”. Con esta vitoria os xogadores ascenden un posto na clasificación situándose no número dez da táboa.
No tocante á equipa feminina o destino non foi o mesmo que os dos seus compañeiros, xa que saíron derrotadas do partido contra o La Salle, segundo clasificado da liga. Un marcador final de 39-52 reflexa a superioridade de xogo do equipo contrario. Tras esta nova derrota as xogadoras do Campus Universitario seguen descendendo na táboa de clasificación chegando ata o posto número 10, cun balance de dez partidos perdidos e tan só cinco vitorias.

Próximo encontro

Este sábado 21 o Campus Universitario masculino enfrontarase aos xogadores do Baloncesto Narón, un equipo ao que “gañamos cando xogamos na casa”. Ademais, veñen de perder un partido importante, o que fixo que se descolgasen da cabeza da clasificación, situación que aproveitarán os xogadores ourensáns “para dar a sorpresa e gañar o encontro”. A cita co baloncesto será ás 18.30 horas no Pavillón Municipal Narón. Pola súa banda a equipa feminina verase as caras coas xogadoras do Ensino Las Candelas, situadas no oitavo posto da táboa. O encontro terá lugar tamén o sábado ás 17.00 horas en Lugo no Pazo Universitario.

O xadrez universitario

Xa son tres os encontros consecutivos que o equipo de xadrez Universitario Ourense remata perdendo. Nesta ocasión a derrota foi contra o Fischer por 3-1. Segundo Lino Hermida, capitán do equipo “os xogadores desta fin de semana eran moi bos”.
Tras unha fin de semana de descanso, por mor das festas do entroido, o sábado 28 continúa o xogo coa sétima rolda, un encontro que se presenta moi interesante por ser o derbi universitario. O enfrontamento contra o Universidade de Vigo, segundo clasificado da liga, amósase complicado “xa que eles parten como favoritos, pero intentaremos facer todo o que estea nas nosas mans para gañar”, afirmou Hermida. A cita será ás 17.00 horas na ludoteca do Edificio de Ferro.