DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sección feminina caeu ante o Universitario de Ferrol por 52-49

O Campus Universitario masculino acumula a súa terceira derrota consecutiva

O equipo de xadrez perdeu por tres puntos

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 26/01/2009

Dende o comezo de ano os xogadores do Campus Universitario non levantan cabeza. Nesta ocasión a derrota foi contra o Liceo Casino Vilagarcía cun resultado de 67-63 puntos. A pesar de que o encontro estivo bastante igualado, finalmente os ourensáns non lograron levar a vitoria para a casa. “Foi unha pena, íamos gañando na primeira parte, pero no terceiro cuarto o parcial foi para eles”, explicou o adestrador Javier Pérez. O equipo chegou ao último minuto do partido perdendo de catro puntos sen atopar opcións claras de xogo e a pesar “dunha falta ao noso favor que nos proporcionou tres tiros libres, non logramos remontar”. Con esta nova derrota, a primeira da segunda volta, sitúanse no undécimo posto da táboa cun total de nove partidos perdidos e tan só 7 gañados.
A equipa feminina tampouco consegue atinar nos seus encontros. O Universitario Ferrol, por debaixo das ourensás na clasificación, conseguiu tres puntos máis que lle serviron para gañar cun marcador final de 52-49. A pesar do resultado negativo as xogadoras mantéñense no sétimo posto da táboa.

Novo encontro

O próximo partido do Campus Universitario preséntase emocionante e complicado. O contrincante, o Cruz Alta, un equipo tamén de Ourense que se sitúa no último lugar da clasificación “e que porá moito da súa parte para gañar o encontro”, comentou Pérez. Ambos “nos coñecemos ben, polo que non haberá lugar para as sorpresas no terreo de xogo”. Sen dúbida o derbi do baloncesto ourensán preséntase moi interesante, xa que “os dous equipos necesitamos conseguir os puntos deste encontro”, concluíu Pérez. A cita será o sábado 31 ás 17.00 horas no Pavillón Universitario.
No tocante a equipa feminina, o seguinte encontro non será ata o domingo 8 de febreiro. O rival, o Seguros La Fe Compañía de María, quinto clasificado da táboa. O partido será ás 17.00 horas no Colexio Compañía de María.

O xadrez na terceira xornada

Tampouco foi un fin de semana con sorte para o equipo de xadrez Universitario Ourense que no seu enfrontamento contra o Xadrez Ourense rematou perdendo 0,5 fronte a 3,5 puntos. Segundo explicou o capitán do equipo, Lino Hermida, “non houbo moito que facer, son moi bos e teñen máis experiencia”. Con este resultado sitúanse con 5 puntos na táboa clasificatoria. O próximo encontro será o sábado 31 contra o Xadrez Ponteareas ás 17.00 horas na sede do club.