DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus Universitario masculino cae ante o C.B. Tui por 88-79

Pola contra as xogadoras conseguiron a segunda vitoria da tempada

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 24/11/2008

Tras varias xornadas de bos resultados, esta fin de semana a sorte non estivo de lado dos xogadores do Campus Universitario masculino. O enfrontamento co C.B. Tui, un dos primeiros clasificados da liga, saldouse cunha derrota por 88-79 puntos, sen embargo o adestrador Javier Pérez, amósase satisfeito xa que “xogamos moi ben e vímonos as caras cun dos equipos máis fortes da categoría”. Os xogadores estiveron acertados durante a primeira parte do xogo, chegando á metade do partido cun empate no marcador. Sen embargo as cousas comezaron a ir mal tras a expulsión do campo do propio Pérez por unha protesta aos colexiados. A partir de aí “o equipo tentouno, aínda que con máis decisión que acerto”, asegura o adestrador. Este último resultado sitúa ao equipo no sexto posto da clasificación cun balance de seis partidos gañados e catro perdidos.
Pola súa banda as xogadoras do Campus Universitario feminino conseguiron un resultado positivo, o segundo en toda a tempada, a pesar de enfrontarse a un dos equipos fortes da clasificación. A vitoria contra o C.B. San Pelayo Deportes Caneda, cun marcador final de 73-67, amosa unha mellora no xogo do equipo feminino.

Próxima cita co baloncesto

O Campus Universitario masculino terá como rival o sábado 29 ao C.B.C. Pontevedra, “un equipo parecido a nos e que emprega similares armas de xogo”, comentou Pérez. O encontro será no Pavillón Universitario ás 17.00 horas e de seguro propiciará un bo espectaculo.
En canto ao equipo feminino enfrontarase o domingo 30, ás 12.30 horas, contra o Fixagal María Pita, segundo clasificado da táboa, en A Coruña.