DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus Universitario masculino continúa o seu descenso na clasificación

O equipo feminino obtivo unha vitoria por 57-50

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 15/12/2008

O Campus Universitario masculino continúa na súa liña de descenso na táboa. O Canteiras Porriño atacou ante o combinado ourensán cun bo ritmo e un xogo interior destacado, o que finalmente se acabou reflictindo no marcador cunha nova derrota por 79-71. A pesar de que “tivemos opcións de acadar a vitoria e o encontro estivo bastante igualado, finalmente non obtivemos o resultado desexado” explicou o adestrador Javier Pérez. No descanso “íamos gañando de oito puntos”, sen embargo, a última parte do encontro “complicouse, non estivemos atinados e deixámoslles moitas canastras doadas”, describiu o adestrador. Como comentou Pérez “todos os partidos teñen a súa dificultade, pero especialmente aqueles nos que nos enfrontamos contra quen emprega os mesmos recursos no terreo de xogo ca nos”. Esta nova derrota, a cuarta de xeito consecutivo, sitúa ao equipo no noveno posto da clasificación con 18 puntos e un balance de seis partidos perdidos e seis gañados.
No referente ás xogadoras, a sorte estivo do seu lado. Unha vitoria contra a equipa feminina do Canteiras Porriño abre un oco á esperanza. O marcador, aínda que axustado, 57-50, reflictiu o mellor xogo do Campus Universitario. Este partido, o terceiro que gañan as xogadoras de nove encontros, permítelles saír da cola da clasificación situándose no penúltimo posto con 12 puntos.

Seguinte encontro

A próxima xornada será a de despedida do ano, xa que a liga interromperase ata xaneiro. O equipo masculino do Campus Universitario enfrontarase contra o C.B. Allariz, “un equipo que se atopa nun momento delicado, xa que acaban de cambiar de adestrador e están nun período de adaptación”, indicou Pérez. O contrincante desta xornada atópase por debaixo do equipo ourensán na táboa de clasificación, pero iso non é garantía de vitoria, “para nós é moi importante gañar este partido e marchar de vacacións cun bo sabor de boca, xa que os últimos tempos están a ser duros para o equipo”, dixo o adestrador. A cita será no Pavillón Universitario o sábado día 20 ás 17.00 horas.
Pola súa parte, as xogadoras do Campus Universitario enfrontaranse na súa undécima xornada ao C.B. Airexa Nigrán. O encontro xogarase tamén o sábado 20 de decembro ás 19.30 horas no Polideportivo de Panxón.