DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo perdeu o domingo por un axustado marcador de 22 a 23

O Campus Universitario Ourense roza a vitoria contra o Getxo RT

En fútbol gaélico continúa a preparación para o inicio da liga

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 24/09/2018

O Campus Universitario Ourense de rugby afrontou esta fin de semana o seu segundo partido de liga na División de Honra B do rugby estatal. Foi nas instalacións deportivas do campus contra o Getxo RT, que ven de descender da máxima categoría e é un dos candidatos ao ascenso. Os ourensáns amosaron o seu bo estado de xogo neste inicio de liga perdendo o encontro por un axustado marcador de 22 a 23.

Nunha mañá de moita calor e coas baixas importantes por lesión de Justin, Abraham e Tu’uta, os ourensáns enfrontaron un partido “moi disputado” no que “ambos equipos traballaron moito para evitar a derrota”. Así, cando faltaban apenas dez minutos para finalizar o encontro, o partido estaba en táboas cun empate a 20. “Ambos equipos estaban defendendo con uñas e dentes ata que o Campus comete un golpe de castigo, Guille recibe tarxeta amarela e o apertura visitante non o desaproveita”, sinalan desde o club. Segundo destacan desde a entidade, a derrota foi “unha pena” pero, por outra parte, subliñan, o encontro deixou patente que “non hai inimigo pequeno e, ademais, a liga acaba de empezar, quedan moitas xornadas e isto só é principio. A seguir traballando duro e a mellorar”.

Antes do inicio do partido, o Campus Universitario Ourense de rugby quixo render homenaxe ao recentemente falecido Paco Cordeiro, entregando un ramo de flores aos membros da súa familia presentes e gardando un minuto de silencio na súa lembranza. No acto tamén estivo Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Quecendo motores para a liga de fútbol gaélico

Tamén o domingo pero xa pola tarde, o campo de fútbol-rugby do campus de Ourense acolleu encontros amigables de fútbol gaélico. A categoría masculina do Auriense Gaels recibiu a visita dun dos equipos debutantes na liga galega, o Turonia de Gondomar, sendo o marcador final Auriense 26 (04-16) - Turonia 7 (00-07). A categoría feminina xogou contra “o renovado equipo do Keltoi de Vigo”, decantándose finalmente a vitoria polo equipo visitante.