DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus Universitario de Ourense Rugby Club estréase con vitoria

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
M. Del Río DUVI 13/10/2009

O representante universitario do rugby ourensán estreouse esta fin de semana con vitoria na Liga Nacional por 28-15 ante o As Pontes. O cadro adestrado por Ernesto Barboza amosou no seu debut nervios e indecisións que non impediron que o equipo do campus se impuxese a un debutante nesta categoría. A partir do primeiro cuarto o Campus Universitario de Ourense Rugby Club atopou o seu sitio no terreo de xogo, o que permitiu que se chegase ao descanso cun marcador favorable de 10-3. Con todo, na segunda parte os pontinos recortaron diferenzas ata poñerse 13-8, momento no que os ourensás comezaron a marcar a distancia que finalmente se reflectiría nun marcador de 28-15.
Este foi o primeiro encontro do equipo dentro da disciplina da Universidade de Vigo na Liga Nacional e a estrea tivo lugar na casa cunha destacada asistencia de público que lle serviu ao equipo para suplir con folgos as numerosas baixas de xogadores. Esta estrea con vitoria trae tamén consigo un punto bonus ao ter conseguido catro ou máis ensaios nun mesmo partido, polo que o Ourense suma cinco puntos e empata na cabeza da táboa con Balenos.
A vindeira fin de semana será de descanso e volverá a competición o día 24 nun encontro ante o CRAT Coruña, un dos rivais directos do equipo nesta categoría.

Un equipo universitario

Na pasada temporada o ARVO asinou un convenio coa Vicerreitoría en virtude do cal o equipo entra a formar parte da estrutura de equipos deportivos da Universidade de Vigo, pasando a denominarse Campus Universitario de Ourense Rugby Club. Baixo este novo nome, o club representa á Universidade na Liga Nacional ao tempo que desenvolve unha intensa labor de deporte de base, fomentando o rugby entre as novas xeracións. Para iso, o club conta con equipos de catro categorías: infantil, cadete, xuvenil e absoluta, entre as que se acadan os 100 xogadores.