DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A equipa feminina perdeu contra o CB Arxil Mafari 63-69

O Campus Universitario vence ao CB Grúas Estación Padrón 98-67

O xadrez suma outra derrota por 3,5-0,5 contra o Breogán

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 16/03/2009
O Campus Universitario logra o ascenso na táboa de clasificación tras o bo resultado da fin de semana. Con esta vitoria xa suman catro partidos consecutivos gañados, desta vez un marcador moi desigual amosa a superioridade dos xogadores ourensáns que venceron ao CB Grúas Estación Padrón por 98-67. O encontro non foi complicado xa que como explica o propio adestrador, Javier Pérez, “o equipo contrario viña coa moral moi baixa”, trátase do último clasificado da liga, o que fixo que “se rendesen moi cedo e non fosen capaces de seguir o noso ritmo dende o primeiro minuto”. Para o Campus Universitario o partido estivo controlado en todo momento, de feito xa no primeiro cuarto case 30 puntos separaban os marcadores, un indicador de que a vitoria estaba nas súas mans. Tras este bo resultado ascenden ata o noveno posto da clasificación cun balance de 11 vitorias e outras tantas derrotas.
Para a equipa feminina a sorte non foi a mesma durante o seu encontro, por tan só seis puntos quedaron ás portas do empate o que fixo que, finalmente, o CB Arxil Mafari fose o gañador do partido cun resultado de 63-69. Un nova derrota súmase ás anteriores, descendendo dous postos na clasificación ata situarse no número dez.

Novos encontros

Os xogadores do Campus Universitario terán que esforzarse máis do habitual esta semana, xa que ademais do partido do sábado terán que sacar forzas para disputar este xoves a xornada número 17 que se aprazara en xaneiro por mor do temporal. Este encontro, que se xogará no Pazo Universitario ás 12.00 horas, representa o derbi ourensán, xa que o contrincante non é outro que o Cruz Alta. Precisamente pola proximidade de ambos equipos “non haberá lugar ás sorpresas, cada un sabe como xoga o outro e cales son as súas técnicas”, comentou Pérez.
No tocante ao sábado 21 o encontro será ás 19.45 no Pavillón Municipal de Betanzos contra o Gayolo Ford. Un equipo situado só un posto por debaixo do Campus Universitario na liga, polo que “será un partido complicado”.
As xogadoras, pola súa parte, enfrontaranse contra o CB San Pelayo Deportes Caneda, cuarto clasificado da táboa. O encontro xogarase no Pavillón Lorenzo de la Torre en Santiago de Compostela o sábado 21 ás 18.15 horas.

Outra derrota para o xadrez

A pesar das esperanzas postas no encontro desta fin de semana, o equipo de Xadrez Universitario Ourense non conseguiu acadar o resultado que esperaban senón todo o contrario. “Perdemos por 3,5-0,5, déronnos una malleira”, explicou o capitán do equipo, Lino Hermida. Esta nova derrota contra o Breogán súmase ás cinco anteriores, o que provoca que se sitúen nos últimos postos da clasificación, “na perigosa zona de descenso”. Aínda que o equipo se atopa coa moral algo baixa agardan poder mellorar no encontro do día 21, no que se enfrontarán contra o Círculo Xadrez Narón na Ludoteca do salón multiusos do Edificio de Ferro ás 17.00 horas.