DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría inicia unha rolda de reunións coas asociacións veciñais

O campus, un veciño máis da cidade

O obxectivo é estreitar lazos en materia de cultura e educación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 31/05/2011

A Vicerreitoría do Campus de Pontevedra iniciou esta semana unha rolda de reunións coas asociacións veciñais da cidade co obxectivo de incrementar a colaboración en materia de cultura e educación. A vicerreitora Antonia Blanco iniciou esta semana a rolda de contactos nun encontro coa Asociación de Veciños de Salcedo Norte con quen dialogou sobre o establecemento de futuras sinerxías de colaboración en materia de instalacións e de actividades abertas para toda a cidadanía, en especial para os cativos. "Este tipo de xuntanzas son primordiais para poder achegarse á contorna máis próxima da nosa Universidade, á vida real do que nos rodea, estando en contacto permanente coas forzas vivas e sociais de Pontevedra”, subliñou Antonia Blanco, tras o encontro.

A principal sinerxía establecerase en materia de educación e de cultura para os nenos e nenas da parroquia, pois “é o público que máis preocupa na asociación”, establecendo “futuras actividades e conferencias como ludotecas ou eventos deportivos e pondo á súa disposición as instalacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o pavillón universitario e todo o persoal do campus”, comentou Blanco. Como consecuencia, a xuntanza rematou coa programación de outra na que a asociación de veciños presentará para outubro un programa de actividades infantís definido.

A asociación fixo partícipe á vicerreitora da súa falta de espazo para levar a cabo actividades culturais, polo que pediron a colaboración da institución “solicitando a posibilidade de poder emprazarse na futura residencia de estudantes”. Pola súa banda, Antonia Blanco aclaroulles que “o edificio da ONCE está en fase de permuta e aínda pertence ao concello pontevedrés”, pero ofreceulles unha solución intermedia para este medio prazo, presentándolles outras alternativas.

Tanto a vicerreitora como a Asociación de Veciños Salcedo Norte fixeron un balance moi positivo da reunión, destacando “a apertura e a facilidade para poder dialogar coa Universidade”, comentaron os representantes da mesma.

Unha transferencia máis intanxible

Para a Vicerreitoría do campus atender aos seus veciños “é primordial”, “pois como ente público, ademais de formar, debemos estar ao servizo deste tipo de organismos, facéndose fortemente determinante nos procesos sociais que están a suceder na nosa contorna”, comentou Antonia Blanco. Neste caso, “é unha transferencia máis intanxible, pero que forma parte do que é a Universidade, vivindo día a día os problemas das familias e facendo posible que os cativos teñan acceso a estruturas de aprendizaxe, de ocio e de cultura, estables e definidas”. Trátase, en definitiva, “de estar, de colaborar e de aprender coa cidadanía”.