DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na 8ª edición de Elas Fan CienTec, que se celebra co gallo do Día da muller e a nena na ciencia

O campus de Vigo abre os seus laboratorios a máis de 200 mozas na procura das investigadoras do futuro

Participaron en 24 obradoiros científicos repartidos por cinco centros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • HRS4R
  • Igualdade
  • Visitas
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 08/02/2024

Por un futuro da ciencia e a tecnoloxía paritario, no que as mulleres atopen o seu lugar e poidan poñer á disposición da sociedade o seu talento, o 50% de todo o talento do planeta. Con esta finalidade celébrase cada 11 de febreiro en todo o mundo o Día da muller e a nena na ciencia, unha efeméride á que a Universidade de Vigo se une con múltiples iniciativas, entre elas, Elas Fan CienTec, unha posta que este xoves trouxo ao campus máis de 200 mozas de institutos da contorna para coñecer o traballo que realizan científicas e tecnólogas da Universidade de Vigo. A finalidade é espertar entre as nenas e mozas o interese pola ciencia e a tecnoloxía e xerar vocacións de futuro para así reverter a escasa presenza de mulleres nas carreiras STEM. Por exemplo, os datos do curso pasado amosan que aínda que as mulleres eran o 52% do total do alumnado da UVigo, nas carreiras do eido científico e tecnolóxico esta porcentaxe apenas supera o 30%; nalgunhas carreiras non chegan ao 10%.

Ao longo da xornada, estas 226 estudantes de institutos de Vigo e Mos participaron en 24 obradoiros que organizaron para elas docentes e investigadoras do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, na Escola de Enxeñería Industrial, na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e no CACTI, Centro de apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación.

Obradoiros no CINBIO para o IES Castelao

O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da UVigo programou sete obradoiros para 47 mozas do IES Castelao que, ao longo da mañá, puideron achegarse ás distintas liñas de investigación que se desenvolven no centro. Por exemplo, tiveron oportunidade de coñecer un laboratorio de química orgánica con diferentes experimentos, de achegarse ás propiedades dos materiais na escala dos nanómetros e á preparación de nanopartículas de ouro, de facer xogos sobre as enfermidades raras, de sintetizar nanopartículas magnéticas e comprobar as súas propiedades ou de simular a encapsulación de fármacos. Tamén asistiron a talleres sobre luminiscencia, polarización da luz, quiralidade o biomimetismo, sobre citometría e sobre neurocircuitos.

Enxeñería Industrial acolleu estudantes do IES Alexandre Bóveda

Outro dos centros que participou en Elas Fan CienTec foi a Escola de Enxeñaría Industrial, onde as súas investigadoras prepararon dous talleres para un grupo de 52 estudantes do IES Alexandre Bóveda. En concreto, estas mozas participaron nun obradoiro de termografía infravermella, no que coñeceron tanto as técnicas de ensaio como as aplicacións desta tecnoloxías na prevención de incendios ou na mellorara da eficiencia enerxética nos fogares. No outro taller, investigadoras da EEI explicáronlles os importantes avances no campo da sanidade a través do deseño e fabricación de implantes e tamén tiveron ocasión de observar como se deseña un prototipo e como se realiza a súa ensamblaxe dentro do conxunto empregando o software de deseño 3D. 

Obradoiros en Enxeñaría de Minas e Enerxía para o IES de Mos

A través de xincanas, concursos e actividades manipulativas, 22 mozas do IES de Mos achegáronse ao traballo dos grupos de investigación da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Ao longo da xornada asistiron, por exemplo, a un taller de fabricación de pinturas e a outro de recoñecemento de minerais, e participaron nun concurso grupal, The Wall, para construír o muro máis resistente, formulando para isto, diferentes solucións en cada fase de construción do muro, dende a selección de materiais ata o deseño e disposición dos principais elementos. Finalmente, tamén tivo lugar unha xincana sobre conceptos de combustión, cunha parte inicial sobre os fundamentos deste proceso e outra máis interactiva sobre as súas aplicacións. 

Obradoiros en Enxeñaría de Telecomunicación do IES de Valadares

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación abriu as súas portas a un grupo de 57 alumnas do IES de Valadares para as que deseñaron tres actividades lúdicas e formativas. Por unha banda, o taller Detectives de imaxes permitiulles achegarse ao mundo da análise forense de imaxes, para explorar o funcionamento dalgunhas ferramentas que permiten detectar e manipulacións e xerar as súas propias edicións para poñelas a proba. Por outra banda, tamén aprenderon a programar un xogo con Scratch, definindo unha personaxe, un escenario e un reto. Finalmente asistiron a un taller de introdución á programación web e ao seu funcionamento, no que aprenderon a programar unha páxina web en linguaxe HTML, concretamente un perfil de Instagram dunha científica relevante no ámbito TIC. 

O CACTI ábrese ao alumnado do IES Valadares

Outro grupo de 48 alumnas do IES Valadares tivo como destino o Centro de apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación (CACTI). Alí deseñaron para elas oito obradoiros sobre microscopía electrónica e óptica, sobre separación e identificación de microplásticos en area de praia, sobre a determinación de estruturas químicas ou sobre electroforese de biomoléculas. Tamén participaron no taller titulado CSI Las Vegas? Non!! CSI Superficies.. Encontras o falso? Cazamos ao falsificador! no que empregaron a metroloxía óptica para detectar falsificacións mediante medidas na superficie e noutras actividades sobre técnicas de análise químico das superficies ou sobre microscopía.