DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de 38 deportistas das tres institucións académicas galegas

O campus de Vigo acollerá este sábado o Campionato Galego Universitario de Orientación

Paralelamente, celebrarase a primeira edición da carreira de iniciación a este deporte

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 03/05/2023

38 corredores e corredoras participarán este sábado 6 de maio no campus de Vigo na décimo sétima edición do Campionato Galego Universitario de Carreiras de Orientación. Esta cita regresa ao campus vigués tras varios anos e nela a Universidade de Vigo estará representada por 14 deportistas, cinco na categoría feminina e outros nove na masculina. Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela acode a esta competición con seis corredoras e nove corredores, mentres que a da Coruña conta con dúas representantes na carreira feminina e sete na competición masculina. Deste xeito, na categorías masculina mediranse 25 corredores e na feminina 13.

Os primeiros corredores, en ambas categorías, sairán do punto de inicio na praza Miralles ás 10.30 horas da mañá, e as seguintes saídas irán realizándose cada tres minutos, estando a entrega de premios prevista para as 13.30 horas.

A competición consistirá nunha carreira a pé na que se empregará un mapa do campus a escala 1:7500 con equidistancia de 5m, realizado por Javier Arufe e Natalia Pedre (2011) e actualizado por Maikel Rodríguez (2023). Comprende unha zona con edificacións, xardíns e bosque ribeirán cunha boa rede de camiños e pequenas elevacións con vexetación de mediana penetración e abundancia de terreo aberto, alternando con zonas de repoboación. Establecerase unha clasificación individual por cada unha das dúas categorías así como unha por universidades que resultará de considerar os resultados dos seis primeiros clasificados e clasificadas de cada unha das tres institucións, tres na modalidade feminina e tres na masculina.

I Carreira de Iniciación a Orientación

Ademais das categorías feminina e masculina, a organización deseñou unha terceira modalidade, unha carreira de iniciación mixta non competitiva, aberta a toda a cidadanía. Para esta iniciativa, que se encada dentro da terceira edición do programa ExploraCampus!, hai xa 12 persoas inscritas.

O percorrido neste caso será de aproximadamente 2 quilómetros e poderá realizarse de xeito individual, por parellas ou pequenos grupos. As persoas participantes deberán estar no punto indicado 3 minutos antes da hora asignada de saída, onde recollerán o mapa.