DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Vigo consegue as primeiras posicións no campionato de tenis de mesa

No encontro participaron preto de 20 deportistas dos tres campus da Universidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 17/03/2010

O campus de Vigo conseguiu as primeiras posicións no campionato interno da Universidade de Vigo de tenis de mesa, disputado este martes no pavillón universitario. Lucas Rodríguez e Victoria Cadilla acadaron o primeiro posto na categoría individual masculina e individual feminina, respectivamente, mentres que a parella formada por Lucas Rodríguez e Xurxo Rodríguez facíase coa vitoria na modalidade de dobres. Na competición participaron un total de 19 deportistas dos tres campus.
No transcurso do campionato que se desenvolveu durante toda a mañá disputouse unha competición individual na que participaron todos os xogadores para seguir despois polas probas de dobres e femininas. O campionato permitiu seleccionar aos representantes da institución académica que participarán no campionato de España xa que, como indican dende o Servizo de Deportes do campus, “neste caso non se xoga unha fase galega previa senón que se accede directamente ao nacional”.

Máis resultados

As segundas posicións foron para Xurxo Rodríguez en individual masculino, Elísabet Cadilla en individual feminino e a parella formada por Miguel López e Juan Ángel Ferreiro en dobres. O terceiro posto en cada categoría correspondeu a Andrés Fagín en individual masculino, Isabel Silva en individual feminino e a parella integrada por Victoria Cadilla e Elisabet Cadilla na modalidade de dobres.