DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a un congreso internacional organizado por persoal investigador do CIM

O campus de Vigo, epicentro dos últimos avances en criobioloxía

A cita prolongarase ata o xoves no edificio de Ciencias Experimentais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Investigación
DUVI 20/09/2023

O campus de Vigo é desde este mércores e ata o vindeiro mércores epicentro dos últimos avances en criobioloxía, a ciencia que estuda os fenómenos biolóxicos que se producen a temperaturas moi baixas, grazas á celebración no edificio de Ciencias Experimentais do 59 Congreso da Society for Low Temperature Biology. Este encontro, organizado por Jesús Troncoso e Estefanía Paredes, investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), reúne a especialistas de todo o mundo para compartir coñecementos, experiencias e descubrimentos en áreas que abarcan desde a criopreservación ata a adaptación ao frío. 

O encontro ofrece unha oportunidade única para que científicos e científicas do campo se reúnan, compartan ideas e establezan colaboracións frutíferas. Neste senso, a presidenta da Society for Low Temperature Biology, Birgit Glasmacher, destacou na inauguración do congreso que éste supón “unha oportunidade para a creación de traballo en rede entre distintos profesionais para avanzar no campo da criobioloxía e a criotecnoloxía”. Pola súa banda, o director do CIM, Daniel Rey, salientou “a importancia deste tipo de eventos para promover esta disciplina en España” e afirmou que supón un fito para a Universidade de Vigo e para o CIM, xa que permite avanzar nun ámbito que ten un gran potencial e  aplicación en numerosos campos científicos.  “A nosa institución está moi comprometida con incentivar a colaboración internacional entre persoal investigador e este congreso é un claro exemplo deste empeño”, engadiu. 

A investigadora do CIM e presidenta da Sociedade Española de Criobioloxía (SeCrio), Estefanía Paredes, destacou pola súa banda que “non é habitual que especialistas en criobioloxía se dean cita nun encontro coma este” e que “ esperamos que todos os asistentes se leven un coñecemento valioso sobre os avances realizados polo centro respecto da importancia dos organismos mariños como valiosos modelos para o estudo da criobioloxía, criopreservación e biobancaraización, dos que somos pioneiros a nivel mundial”. Por último, a investigadora da UVigo e concelleira Delegada de Limpeza, Ciclo de Auga e Transportes do Concello de Vigo, Ana Mejías, incidiu na "importancia de que Vigo sexa  a sede dun congreso no que se avanza no coñecemento dunha disciplina con gran variedade de usos no futuro, demostrando que Vigo é unha cidade de ciencia”. Ademais, admitiu que “este tipo de eventos permiten avanzar en novas solucións a futuros problemas de investigación”.

Tres días de relatorios

Concretamente, o encontro iniciouse cunha ponencia invitada sobre a creación dunha infraestrutura sostible para a investigación centrada no paciente e nos biobancos por parte do profesor Barry J. Fuller. Posteriormente, haberá sesións centradas na reprodución humana e animal, tocando temas como a preservación de organoides e a construción de enxeñaría de tecidos.  

No segundo día, as comunicacións estarán centradas nas criotecnoloxías e crioprotectores, ofrecendo conferencias sobre métodos para a avaliación morfolóxica e ultratraestrutural na criopreservación de tecidos, xunto con sesións sobre requecemento por ultrasonidos, seguimento da temperatura liquida ou a criopreservación no contexto acuático. Neste campo, o CIM, que forma parte da Rede CIGUS que integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia, pode ofrecer a experiencia e coñecementos da investigadora Estefanía Paredes, unha das poucas especialistas a nivel mundial na criopreservación de organismos mariños e presidenta da recentemente creada Sociedade Española de Criobioloxía, que co-organiza este congreso. 

Por último, o venres haberá unha conferencia sobre a situación no Instituto de de Criobioloxía e Criomediciña da Academia Nacional de Ciencias de Ucrania (IPC&C NAS). Ademais, tamén está previsto afondar na agricultura e criobiotecnoloxía, a conservación de magnolias americanas ou o estudo de moléculas de nucleación de xeo no pole das prantas.

O CIM, sede da Sociedade Española de Criobioloxía

A Society for Low Temperature Biology (SLTB) é unha organización científica que ten como obxectivo promover a investigación, o intercambio de coñecementos e a colaboración no campo da criobioloxía. Pola súa banda, a Sociedade Española de Criobioloxía (SECrio), con sede no CIM e coa científica Estefanía Paredes como presidenta fundacional, creouse a inicios de 2023 e conta cunha ampla diversidade de profesionais españois con intereses neste ámbito de coñecemento que estuda os efectos das baixas temperaturas en materiais ou sistemas biolóxicos.