DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Vigo estrea a partir do luns os seus obradoiros

Doce dos trece que se ofertan poranse en marcha a vindeira semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Anabel Vila DUVI 17/02/2011
O curso recupera o seu ritmo habitual co comezo do segundo cuadrimestre e ademais das clases, das prácticas e dos laboratorios, a comunidade universitaria ten á súa disposición a oferta de obradoiros que se porán en marcha a próxima semana e que aínda teñen aberto o seu prazo de inscrición. Os primeiros serán os cursos de guitarra, que ten quendas de mañá e tarde, o de iniciación á fotografía e o de curtametraxe, o de modelado en 3D e entornos virtuais e o de formación de voluntariado. Ademais retomarase a actividade da aula de teatro, que corre a cargo de Pepa Barreiro.

Guitarra I impartido por Bruno Pérez será o que rompa o xeo, xa que comezará as súas clases no Edificio Miralles o luns ás 11.00 h da mañá. Este obradoiro, un dos máis demandados, ampliou nesta edición o seu horario e terá dúas quendas no nivel de iniciación para adaptarse ás necesidades que os usuarios doutros anos formularon nas enquisas de avaliación. Modelado 3D e entornos virtuais, fotografía e curtametraxe poranse en marcha pola tarde, así como o curso de formación de voluntariado que imparte Algalia. Ademais, Pepa Barreiro, de Teatro de Ningures, volverá reunirse cos participantes do grupo de teatro que traballarán na posta en escena dunha obra que se representará na Miteu.

E se o luns póñense en marcha os seis primeiros, o martes a oferta inclúe os dous niveis de guitarra, perfeccionamento pola mañá e iniciación pola tarde, e un obradoiro de mecánica e electrónica do automóbil que se impartirá en horario de 16.00 a 19.00 h. O seguinte en comezar será o de introdución ao software libre, que se celebrará na EE de Telecomunicacións. O xoves será a quenda do curso de relaxación que traballará sobre técnicas para acadar o benestar físico. O último en poñerse en funcionamento no mes de febreiro será o obradoiro de danzas do mundo que impartirá Sira Pereira. Para marzo quedará o obradoiro de voluntariado, deporte e organizacións deportivas que, da man de Algalia, celebrarase no edificio do Servizo de Deportes.

Prezos, prazos e horarios

O prezo dos obradoiros varía en función da relación coa Universidade. Así, será de 40€ para o público en xeral, 30€ para os membros da comunidade universitaria e 20€ para os bolseiros. A matrícula formalizarase unha vez se realice o pago das taxas e se entregue a ficha de inscrición en Extensión Universitaria, ben en mano, ben por correo. Ademais, este ano, adaptándose ao EEES, os cursos serán de 30 horas, para que poidan validarse por un crédito ECTS ou dous de libre elección.