DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Póñense en marcha múltiples obras e un plan de control de acceso a edificios

O campus de Vigo reforza o proceso de mellora de infraestruturas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 17/06/2008

Máis alá das grandes obras que se están a levar a cabo no campus, das que Citexvi, o Módulo Tecnolóxico Industrial ou a Biblioteca de Ciencias Experimentais son bo exemplo, o Departamento técnico de obras, instalacións e infraestruturas está a realizar un importante número de actuacións dirixidas a reparar, modificar e ampliar as actuais instalacións. Algunhas das obras xa están case finalizadas, mentres que outras se levarán a cabo en xullo e agosto, aproveitando a menor afluencia de persoas aos centros.
Un dos eixes centrais destas actuacións é a renovación das pasarelas que unen diferentes edificios no campus, comezando pola que liga a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coa Biblioteca Central, despois virán as que unen o salón de actos desta facultade coa biblioteca de Ciencias Xurídicas e do Traballo e a que relaciona directamente estes dous últimos edificios.
Outro dos puntos clave son as obras para a mellora e cambio da rede de saneamento do campus. Neste momento está practicamente rematado o cambio das canalizacións que unen a Reitoría co Edificio de Xerencia-Servizos Centrais, así como as que conectan o Edificio Miralles e a Biblioteca Central.

Nova sinalización en todo o campus

Nun ámbito moi distinto e, en colaboración co Concello de Vigo, pintouse todo a estrada de circunvalación e estase a renovar toda a sinalización vertical. Algúns sinais desapareceran ou caeran debido a accidentes e outros non estaban en bo estado. “Era necesario recuperar e pór ao día toda esta sinaléctica”, indica Daniel de la Torre, comisionado do departamento.
O mesmo acontece coa sinalización interior do campus, que tamén está en proceso de renovación, tanto no que a sinais de tráfico se refire como a direccionais, é dicir, aquelas que indican como chegar a cada un dos centros. “A sinalización actual fíxose no 2005 e agora estamos estudando como mellorala para facilitar desprazamentos dentro do campus”, explica de la Torre.

Plan de control de accesos a edificios

Antes do comezo do novo curso, a Universidade vai pór en marcha a segunda fase do plan de control de accesos a edificios. Trátase dun sistema que regulará a entrada nos centros de persoal autorizado fóra do horario lectivo, mediante a utilización dunha tarxeta universitaria.
“Temos xa a infraestrutura, que se estableceu no que foi a primeira fase, e agora o que estamos facendo e deseñando o sistema técnico”, explica Daniel de la Torre. “A miña tarxeta permitirame, sempre e cando estea validada, entrar no meu centro pero non en calquera outro”, continúa.

Diversas pequenas obras

O período estival é tamén o elixido para realizar traballos de mantemento nas diferentes escolas e facultades. É o caso da restauración da ETS de Enxeñeiros Industriais, un dos centros que debido á súa antigüidade, presenta certas carencias, ou da ETSE de Telecomunicación, onde se vai reparar a terraza da entrada, debido ás humidades que provoca na biblioteca e onde se acaba de rematar unha obra de remodelación de espazos dirixida a adaptar antigas aulas para despachos de profesorado.
Ademais dos edificios, o campus conta con outros espazos nos que tamén se vai actuar. A ampliación da pista de footing e a recuperación das sendas do campus, bastante danadas polos temporais, son dous exemplos que sinala o comisinado “das múltiples pequenas cousas que se van realizar”.