DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O bus solidario da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado visita a praza Miralles ata o venres

O campus de Vigo sobe ao Trailer da solidariedade

Administracións e entidades amosarán os seus proxectos

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 03/10/2011
Desde este luns ata o vindeiro venres a Praza Millares convértese en lugar de estacionamento dun particular autobús: o Trailer da solidariedade que arriba ao campus vigués para promocionar o voluntariado galego. A iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar forma parte das actividades do programa que está a desenvolver a Xunta de Galicia con motivo do Ano Europeo do Voluntariado 2011 e que terán como punto final o XIV Congreso Estatal de Voluntariado que se celebrará en A Coruña a finais de novembro baixo o lema Camiños de solidariedade.

O Trailer que esta semana visita o campus vigués é un espazo de promoción do voluntariado no que se amosan as actividades que diversos colectivos están a desenvolver en Galicia. Hoxe foi a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, quen acompañada pola secretaria xeral da Universidade de Vigo, Inma Valeije, tivo ocasión de coñecer as accións e proxectos que tanto as administracións públicas como as entidades de acción voluntaria levan a cabo.

Un voluntariado con plan

Ademais de coñecer a realidade do voluntariado en Galicia, as persoas que estes días visiten o Trailer da solidariedade, poderán entrar a formar parte activa do voluntariado galego que conta desde este ano co III Plan galego de acción voluntaria (2011-2014). Este plan tenta dar resposta a cuestións como a formación do voluntariado e os equipos técnicos, a incorporación de mecanismos que aseguren a dotación de orzamentos para a execución do plan e o seu seguimento , contribuír á investigación en materia de voluntariado e o establecemento dunha estrutura de planificación.
Despois do seu paso polo campus vigués o Trailer chegará a Ourense onde permanecerá ata o 14 de outubro.