DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade prepara un plan para amosar á cidadanía o seu potencial arqueolóxico e paisaxístico

Un campus para vivilo, un parque para coñecelo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 23/05/2012
Preto de 11.000 persoas dotan de vida diariamente ao campus de Vigo entre alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos. Pero o potencial arquitectónico, paisaxístico e arqueolóxico pode convertelo nun parque para os cidadáns, para pasear, gozar da vexetación e facer deporte. Este é o espírito co que nace o Parque do Coñecemento, un proxecto para abrir o campus á sociedade, para que se converta no gran parque periurbano de Vigo que dote á zona de vida fóra do horario lectivo e nas fins de semana.

Os atractivos para atraer aos visitantes son moitos: paisaxe, arquitectura, medio ambiente, historia, escultura... Un parque para coñecer “a mellor concentración de arquitectura moderna galega, para coñecer os dous xacementos, un do megalítico e outro do calcolítico que se atopan no campus, a historia da batalla contra os franceses, para achegarse ás 500 especies de flora e fauna autóctonas que temos, coñecer as rutas pedestres e en bicicleta que estamos deseñando, con tres graos de dificultade, coñecer a nosa escultura exterior de calidade, coñecer a nosa paisaxe, con observatorios paisaxísiticos e paneis explicativos...” Todo isto que relata o vicerreitor de Extensión Universitaria é o Parque do Coñecemento.

As vantaxes da localización

A situación xeográfica do campus convérteno nun punto de grande interese paisaxístico con impresionantes vistas sobre as Rías Baixas, sobre a bacía do Miño, sobre o val do río Zamáns ou Miñor e a Serra do Galiñeiro ou sobre a ría de Vigo. Se a vista repousa máis preto, no propio campus, atópase con edificios emblemáticos de autores como Pernas, Noguerol, Miralles, Portela ou Penelas e con esculturas ao aire libre de Silverio Rivas, Paco Leiro ou Buciños.

“Desta localización privilexiada xa se decataron os nosos devanceiros, que habitaron esta zona miles de anos atrás”, explica Xosé Henrique Costas. Os vestixios desa sociedade quedan nos xacementos megalíticos do Monte das Pedreiras, con catro mámoas ou o poboado do Bronce final do Monte das Cabanas. Na Fonte Seca, o 28 de xaneiro de 1809, o campus volveu teu protagonismo histórico coa batalla entre as tropas napoleónicas e as partidas guerrilleiras do Fragoso.

Toda a información para coñecer o parque

Para divulgar e achegar este espazo á cidadanía, a Vicerreitoría está traballando para ofrecer a través da súa páxina web toda a información precisa “con xeolocalización de cada especie, de cada escultura, de cada edificio... con información, fichas técnicas, fotos...”, adianta o vicerreitor. Proporanse neste espazo roteiros arqueolóxicos, roteiros ecolóxicos, roteiros paisaxísticos, arquitectónicos e deportivos para que todas as persoas que o desexen poidan coñecer o campus “ao tempo que aprenden moitas cousas novas”. A idea é poder poñer a disposición dos visitantes folletos e audioguías destes percorridos, así como a instalación de paneis informativos no campus.