DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun amplo programa de actividades este xoves día 20

O campus vólcase na celebración do Día Universal da Infancia

O vicerreitor fará lectura dun manifesto e estrearase un spot de Unicef

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 18/11/2008

Máis aló das actividades académicas e investigacións hai posicións que fan que a Universidade teña sentido como servizo público que actúa de cara á sociedade. Os actos programados con motivo da celebración do Día Universal da Infancia que impulsa Unicef son un bo exemplo diso e de como, co apoio de toda a comunidade universitaria, un pequeno xesto a prol dos dereitos dos nenos e nenas se convertiu en algo máis ambicioso: unha mañá enteira “para que a Universidade manifeste que coñece esta realidade e presente a súa denuncia”, sinala a alma máter e coordinador das actividades, o profesor Jorge Soto Carballo.
A prantación dunha árbore como símbolo do compromiso da Universidade coa defensa dos dereitos de nenos e nenas, a proxeción do documental SOS Níger dos actores Ana Duato e Imanol Arias, a estrea dun spot de Unicef ou a presentación dos murais nos que un grupo de alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte levan varios días traballando serán algunhas das paradas obrigatorias na celebración do xoves. Conmemórase así o dezanove aniversario da Convención dos Dereitos do Neno, un manual ético para guiarse en todo o que afecta á protección e desenvolvemento da infancia e a adolescencia e que engloba dereitos tan importantes como o da vida e as necesidades máis básicas, ao desenvolvemento, á protección ou a participación.

A suma de pequenos grans de area

A iniciativa da elaboración dun plan de actividades partiu do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Jorge Soto Carballo, quen ao espallar a súa idea contaxiou a alumnos, profesores e outros membros da comunidade universitaria para convertilo nun proxecto global. Así, o vicerreitor do campus, Jesús Hernández, encargarase da elaboración do manifesto, un numeroso grupo de alumnos teñen sacrificado varias tardes na elaboración dos murais que ilustran os dereitos dos nenos, a Oficina de Medio Ambiente encargouse de atopar unha árbore simbólica, de tamaño similar ao dun cativo, e os decanos e directores das outras facultades e escolas do campus ofreceron todo tipo de facilidades para difundir a mensaxe, ademais doutro grupo de persoas que está a elaborar unha páxina web.

Actividades durante toda a mañá

Desde as nove da mañá as pantallas de información das facultades ofrecerán un vídeo a ritmo de jazz elaborado por Soto sobre os dereitos do neno. Nese tempo tamén se poderá visitar o espazo habilitado na biblioteca da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación con material en formato libro e audiovisual para achegarse ás distintas realidades dos nenos e nenas do mundo e, sobre este mesmo material, estase a preparar unha web. A partir das 10.00 horas proxectarase o documental SOS Níger, un traballo protagonizado polos embaixadores de Unicef, Ana Duato e Imanol Arias, ao que acudirá o vicerreitor do campus, Jesús Hernández, que a continuación fara lectura dun manifesto a prol dos dereitos dos nenos e nenas e, como símbolo do compromiso da Universidade, prantarase unha cerdeira na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. As actividades continuarán coa presentación na mesma facultade dos murais feitos polos alumnos de Ciencias da Educación e Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Os actos finalizarán coa estrea, ao mesmo tempo que no resto de España, do spot de Unicef a prol dos nenos e nenas.