DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Hack for Good desenvolverase no Teatro Vidal Bolaño entre o 20 e o 22 de outubro

O campus volverá acoller un hackatón ao servizo da innovación social

O alumnado inscrito deseñará solucións tecnolóxicas innovadoras a retos e desafíos actuais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 20/09/2022

Os hackers “bos” do Hack For Good volverán ao campus o vindeiro mes, no que supón o regreso deste hackatón tras dous anos de parón pola pandemia. Este evento, organizado pola rede de cátedras Telefónica, desenvólvese simultaneamente en universidades de varias cidades de todo o Estado durante 48 horas, tempo no que o alumnado participante debe desenvolver solucións tecnolóxicas innovadoras que dean resposta a máis dun cento de retos sociais propostos por ONG, fundacións, institucións e universidades, con fin último de traballar por un mundo mellor.

A Universidade de Vigo volverá ser unha das sedes que acollan este evento, que terá lugar entre os días 20 e 22 de outubro, e para o cal o prazo de inscrición xa está aberto. Ao longo destes tres días, as e os participantes deberán enfrontarse, por equipos ou de xeito individual, a unha serie de retos ou desafíos de innovación social que requiran unha solución tecnolóxica innovadora. Como explica o director da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, José Cidrás, “a temática dos retos é aberta, pero buscando sempre a innovación tecnolóxica, social, económica,...”. En concreto, os retos xiran arredor de tres liñas temáticas: smart cities, smart worlds e smart society; M2M e internet das cousas e impacto nas persoas e nos cidadáns. Con todo, o hackatón está aberto a calquera tema relacionado coa innovación social. Ademais, desta volta, os premios temáticos están centrados nos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. A finalidade é poñer a tecnoloxía ao servizo das necesidades sociais para desenvolver novas ideas, servizos ou aplicacións que axuden a resolver problemas, satisfacer necesidades e crear novas comunidades a través de colaboracións entre institucións públicas, privadas e do terceiro sector.

O encontro, que se celebrará no Teatro Vidal Bolaño do campus de Vigo, está promovido por Telefónica a través da rede de cátedras, entre elas a da UVigo, co apoio da Fundación Hazloposible, a Fundación Telefónica e MashmeTV. As e os alumnos interesados en participar poden facelo, como lembra Cidrás, “ata o vindeiro 18 de outubro, aínda que se recomenda non deixa a inscrición para o último momento”.

4000€ en premios na fase local 

O alumnado participante optará, ademais de a un premio de ámbito global, a tres premios de carácter local: o primeiro dotado de 1000€, o segundo de 600€ e o terceiro de 400€. A estes sumaranse tamén tres premios temáticos que se outorgan na sede de Vigo. O primeiro deles, de 500€, será para a mellor proposta no eido da innovación enerxética e sostibilidade. Coa mesta contía, tamén se entregará un premio relacionado coa innovación social e, finalmente, outros dous, de 500€ cada un, para as mellores achegas relacionadas cos 17 ODS da Axenda 2030.

Para seleccionar os gañadores, o xurado terá en conta a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todos os perfís necesarios para o desenvolvemento das solucións aos retos. Estes servizos ou aplicacións valoraranse en función do impacto e importancia do problema solucionado, a creatividade, a innovación a facilidade e baixo custe do seu despregue, a adaptación a multi dispositivo ou o uso de software libre e estándares abertos.

Programa do evento

O Hack for Good 2022 arrancará o día 20 ás 17.00 horas coa recepción e rexistro dos participantes, seguido dunha conferencia. O venres ás 09.30 horas arrancará a competición, que durará toda a xornada, coa presentación dos retos e cun acto oficial de inauguración. O sábado pola mañá continuará o hackatón e, xa pola tarde, os equipo deberán presentar os seus proxecto e, posteriormente, terá lugar a entrega de premios, prevista para as 17.00 horas