DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato reuniuse co embaixador de Canadá en España, Graham Shantz

Canadá, un aliado estratéxico no proceso de internacionalización do Campus do Mar

A mobilidade de estudantes e investigadores foi outro dos asuntos abordados no encontro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/10/2010

Como “un aliado estratéxico para a internacionalización do Campus do Mar”, referiuse o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a Canadá con cuxo embaixador en España, Graham Shantz, mantivo hoxe un encontro. Ademais de abordar as posibilidades que as alianzas estratéxicas co país norteamericano poderían reportar ao Campus do Mar, Mato e Shantz trataron no seu encontro das posibilidades que Canadá ofrece no ámbito da mobilidade a estudantes e investigadores, así como das accións da Universidade de Vigo cara á captación de alumnado canadense. Un estudantado que segundo o embaixador está moi interesado na internacionalización que saben “que é o éxito do mañá” e moi especialmente na aprendizaxe doutras linguas.

Desde o ano 2008 a Universidade de Vigo ten asinado un convenio coa University of Prince Edward e na actualidade negocia outro coa Université de Moncton. Ademais entre os ano 2000-2005 a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais participou nun programa Ceres de intercambio de alumnado.

Alianza estratéxica para Campus do Mar

A explicación por parte do reitor ao embaixador de Canadá dos obxectivos que a Universidade de Vigo persegue co Campus do Mar centrou parte da reunión que mantiveron Mato e Shantz que considera o proxecto da institución académica como “unha iniciativa que pode xogar un papel moi importante nas relacións entre España e Canadá”.
Pola súa banda o reitor incidiu no papel estratéxico que Canadá xoga no proceso de internacionalización do Campus do Mar. “Como unha das universidades do mar en Europa que queremos ser, a alianza con Canadá é estratéxica”, asegurou Mato que cualificou de “estratéxico” ao país para a internacionalización do proxecto. Neste sentido o reitor da Universidade de Vigo lembrou que Canadá é unha das portas do Ártico e un referente na investigación do Polo Norte, “do que podemos aprender moito e tamén achegar valor engadido a través dos nosos coñecementos”.

No seu encontro co embaixador o reitor solicitoulle colaboración para difundir o proxecto e para levar a cabo alianzas con organizacións universitarias e de investigación canadenses coa finalidade de acadar mellores relacións no campo da investigación e da ciencia e tecnoloxía do mar.

Canadá, un destino interesante para unha universidade que busca ser máis atractiva

A mobilidade de estudantes e do persoal investigador foi outra das cuestións que centrou a reunión do embaixador de Canadá e o reitor da Universidade de Vigo. Graham Shantz destacou as accións que por parte do país norteamericano puxéronse en marcha con España como o programa Experiencia Internacional destinado a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, aos que se lles ofrece a oportunidade de obter o permiso necesario para disfrutar dunha experiencia profesional, completar estudos de posgrao, seguir unha formación lingüística ou unha inmersión cultural por un período máximo dun ano. Un programa que na súa primeira convocatoria cubriu a totalidade das 450 prazas dispoñibles. O embaixador tamén lembrou a existencia dun programa do Ministerio de Asuntos Exteriores de bolsas de apoio aos estudos sobre Canadá destinados a docentes universitarios, estudantes de doutoramento e investigacións institucionais.
Graham Shantz que destacou a boa impresión que lle causou na súa visita a Universidade de Vigo “pola súa gran enerxía”, dixo, incidiu na importancia que a internacionalización ten para o alumnado canadense que asegurou “sabe que aí está o éxito mañá”.

Mentres, o reitor da Universidade de Vigo referiuse a Canadá como un “destino interesante” para os membros da institución académica como evidencia o feito da presenza de alumnos e investigadores naquel país que Mato sinalou que conta con universidades moi reputadas “que non desmerecen nada das americanas”. Sen embargo o reitor puxo o acento na necesidade de que a Universidade de Vigo faga o posible por resultar máis atractiva para o alumnado canadense. “Ese é o reto”, asegurou o reitor , “para unha universidade nova coma nós que non tivo moito tempo de explicar o que somos”. Un obxectivo para o que Mato sinalou que a Universidade de Vigo buscará a colaboración da embaixada para facilitar a chegada de alumnado e persoal investigador procedente de Canadá.