DUVI

Diario da Universidade de Vigo

636 estudantes da Universidade de Vigo están a cursar as súas titulacións no estranxeiro

De Canadá a Illa Reunión e de Taiwán a Arxentina pasando por Finlandia e Istambul

Alemaña é o principal destino e a Escola de Enxeñaría Industrial o centro co alumnado `máis viaxeiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/10/2013

Están espallados por catro continentes aos que en breve se sumará o africano. Sepárannos miles de quilómetros e móvense nunha decena de usos horarios diferentes. Falan ou polo menos o intentan preto de vinte idiomas. Son os 636 alumnos e alumnas que procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo están a estudar este curso 2013-2014 nun país estranxeiro. “Quero mellorar o meu francés e seguir cursando estudos relacionados co Grao en Turismo”, explica Melissa Rosendo desde o Institut d´Administration des Entreprises da Université de la Réunión en Illa Reunión onde chegou hai agora dous meses. Aínda que a aprendizaxe dunha lingua é un motivo que impulsa a moitos estudantes da Universidade de Vigo a saír, hai outras razóns como “coñecer a cultura asiática e en especial vivir de cerca os festivais relixiosos, cheos de cor exotismo como o Ano Novo chinés ou o Festival dos Farois”, explica Mary Piñeiro, estudante de terceiro curso de Tradución e Interpretación que se atopa neste intre en Taipéi na National Taiwan Normal University ou Shida, como se coñece en Taiwán.

A puxanza de Brasil “como país en desenvolvemento, con numerosas opcións de emprego e con moitas empresas interesadas en entrar nel”, foi o que levou a estudante do Grao en Comercio, Alba Monroy a solicitar o convenio bilateral que lle permitiu arribar á Pontificia Universidade Católica do Río de Janeiro. Pola súa banda Cristina Marey, estudante de Tradución e Interpretación cambiou Vigo pola Universidade de Istambul “pola súa cultura e a súa situación entre Asia e Europa”, mentres que Andrea Bernárdez apostou por continuar os seus estudos de Linguas Estranxeiras na universidade finlandesa de Turku porque “o país ten un dos mellores sistemas educativos de mundo e porque sempre quixen coñecer a cultura dos países do norte de Europa”. Razóns de carácter moito máis académico foron as que levaron a María Benavides, estudante no campus de Ourense de 4º de Ciencias Ambientais, a decidirse pola Universidade Nova de Lisboa “por ser un centro moi forte que me pode dar formación no meu campo e na rama que máis me gusta que é a da xestión do medio ambiente”.

Precisamente Portugal é por detrás de Alemaña, Francia e Italia un dos destinos que maior número de estudantes da Universidade de Vigo reúne ese curso no que a Escola de Enxeñaría Industrial, a Facultade de Filoloxía e Tradución e a de Ciencias Económicas e Empresariais teñen nas súas aulas ao alumnado máis viaxeiro. En canto á distribución de estudantes por programas, 530 saíron ao estranxeiro da man do programa Erasmus, 77 coas bolsas propias da Universidade de Vigo, 15 con bolsas Santander Grao, dous con bolsas Fórmula do Banco Santander para América Latina para cursar un semestre, 12 con bolsas ISEP con Estados Unidos e un co programa de intercambio GE4 para escolas de enxeñaría. Respecto do curso pasado rexistrouse un descenso de pouco máis dun cento no número de estudantes que están a cursar as súas titulacións en case todos os países de Europa, incluído Turquía, Arxentina, Australia, Brasil, Canadá, Chile, China, Costa Rica, EEUU, México, República Dominicana e Taiwán.

Coñecemento, independencia e problemas de comunicación

Boa parte do alumnado que este curso optou por viaxar ao estranxeiro xa o fixera con anterioridade, ben na universidade ou noutros períodos da súa vida. Incluso hai casos como o de Andrea Ros que está a cursar o último ano do grao de Ciencias Ambientais na Arxentina a onde chegou desde México onde estudou o ano anterior. “Non hai nada máis enriquecedor que viaxar”, asegura desde a Universidad Nacional de Santiago del Estero, “tes a oportunidade de coñecer persoas cunha visión do mundo distinta e que viven realidades diferentes, ademais coñecer outros enfoques da túa carreira axuda a que amplíes os teus coñecementos dunha forma moi interesante”. José Manuel Sío que o pasado ano realizou unha estadía de dez meses en Croacia, cursa neste intre 3º de Tradución e Interpretación na francófona Université de Moncton en Canadá e desde alí asegura que “se unha persoa ten un mínimo de interese por saír do país e gozar dunha tempada no estranxeiro, achará unha boa experiencia onde sexa. Trátase de ter paixón e ganas de ver mundo”.

Se atesourar novas experiencias “coñecer lugares, historias, persoas, opinións. culturas. Enriquecerse, valorarnos e valorar o noso”, é fundamental para Cristina Marey, “aprender a ser máis independente, a ser responsable nas miñas decisións e sobre todo ser máis tolerante”, son para Melissa Rosendo algunhas das consecuencias máis positivas que lle está a reportar a súa estancia en Illa Reunión onde conviven diferentes razas, relixións e culturas. Na mesma liña Alba Monroy asegura que a raíz da súa estadía en Río de Janeiro “fíxenme moito máis independente, ademais de que aprendín a resolver problemas que de non vir fóra non tería. Creo que todo estudante que teña a posibilidade de ir fóra debería facelo xa non porque hoxe en día as empresas valoran moito este feito, senón tamén porque fai ver as cousas dun modo diferente e crecer como persoa e profesionalmente”.

Despois de varias semanas ou meses, segundo os casos, asentados nos seus países de destino algúns destes estudantes que optaron por cursar parte das súas titulacións no estranxeiro tamén recoñecen as dificultades que viviron ao inicio da experiencia. “Ao principio estaba algo asustado porque vin só e ía estar lonxe do meu fogar durante meses, pero dende que empecei a coñecer xente e facer cousas con ela, todo foi moito mellor”, explica Adrián Luaces, estudante de Tradución e Interpretación, desde a Universidade de Ulster en Irlanda. As limitacións na comunicación cos nativos dos países nos que se atopan é unha constante para algúns dos alumnos e alumnas que participan desta experiencia internacional como explica Mary Piñeiro que recoñece abertamente “a imposibilidade de comunicarme coa que me atopo ás veces en Taipei. Por culpa da barreira do idioma, non me atrevo a ir a moitas tendas e cousas como ir ao banco, pagar o aluguer custa bastante esforzo e leva moito tempo”. Sergio Francisco Mosquera, estudante do Grao de Enxeñaría Forestal na Universidade Mendel da República Checa sitúa, sen embargo, parte do problema da comunicación no nivel de inglés do estudantado xa que “co nivel medio de inglés que temos a meirande parte do españois resulta frecuente sentirse un pouco limitado para falar de certos temas pero coido que iso se irá perdendo co paso do tempo”.

Como son as universidades estranxeiras?

O prezo das taxas, o número de horas de clase, o papel do docentes ou a participación do alumnado, son cuestións que difiren moito dunhas a outras universidades se se toma como referencia o sistema universitario español. “Aquí é máis caro estudar e o nivel de esixencia de traballo é un pouco máis alto”, asegura José Manuel Sio sobre a súa universidade canadense, unha realidade que contrasta coa que vive Andrea Ros que estuda nun centro arxentino que non cobra taxas polos estudos de grao e na que “a relación profesor/alumno é moi distinta á que nos teñen acostumados en España”. Precisamente sobre os docentes, María Benavides sinala que na Universidade Nova de Lisboa en Caparica“son moi atentos e preocúpanse moito por que esteas a gusto”.

Andrea Bernárdez apunta moitas diferenzas entre os sistemas español e finés no que “podes facer as materias que queiras que non teñen que estar relacionadas co teu ámbito de estudo. Por outra banda aquí a maior parte do traballo faise na casa, ti vas a clase para que te expliquen o temario e é na casa onde fas todo o traballo”. Na súa escola de negocios de Río de Janeiro, Alba Monroy explica que “temos que facer moitas presentacións que melloran moito a soltura á hora de falar en público”, mentres que Melissa Rosendo destaca que na Université de la Reunión “temos cerca de oito horas de clase dous o tres días por semana e algúns sábados. É bastante cansado e sacrificado”.

Sacrificios que na meirande parte dos casos se ven amplamente recompensados por experiencias enriquecedoras e inesquecibles que animan a quen participa delas a afirmar categoricamente como fai Cristina Marey desde Istambul que “non se pode deixar pasar o tren do Erasmus, cada un escollerá o destino segundo a súa vontade e as súas preferencias e probablemente pensará que a súa elección foi axeitada, como eu fago”.