DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universitario Campus Ourense consegue adaptarse ás esixencia da primeira división

Na cancha de baloncesto os obxectivos para 2011 están cumpridos

A súa prioridade é a permanencia na categoría á que ascenderon a pasada tempada

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 13/12/2011

Comezaron a tempada co obxectivo da permanencia na primeira división e rematan o ano moi satisfeitos cos seus resultados. O Universitario Campus Ourense sénior masculino de baloncesto afronta esta fin de semana o seu último partido de 2011 da Federación Galega de Baloncesto e faino coa ledicia de ver cumpridos os seus obxectivos. Xogadores e adestrador ven como están superando partido a partido o reto de xogar por primeira vez na primeira división, tras ascender a tempada pasada, e ao 2012 pídenlle que se manteña esta boa racha.

“Rematamos o ano con moi boas sensacións, competindo en cada partido á altura que require a categoría na que estamos”, destaca Javier Pérez, adestrador do Universitario Campus Ourense masculino. O adestrador advirte de que o ascenso de categoría supuxo un cambio considerable para o equipo pola calidade superior dos rivais aos que se pasou a enfrontar. A pesares destas esixencias e mantendo un equipo practicamente cos mesmos xogadores que a tempada pasada, Pérez explica que o Universitario Campus Ourense está a conseguir respostar ás esixencias físicas e técnicas da primeira división.

Cada vez un pouco mellores

O adestrador salienta que “estamos cumprindo o noso papel, facendo un esforzo para adaptarnos e queimando etapas para salvar a categoría”. Deste xeito, explica, o seu obxectivo primordial segue sendo o marcado a principios de tempada, que é garantir a permanencia na primeira división que este ano estrearon. “Ao ano novo pedímoslle que cada partido sexamos un pouquiño mellores e salvar a competición facendo ben as cousas”, destaca Javier Pérez.

Con dez partidos xogados, 5 derrotas e 5 vitorias, e situados de sextos nunha táboa de 14 equipos, os xogadores ourensáns ven recompensado o esforzo realizado para conseguir estar ao nivel dos demais equipos de primeira división. Nesta loita nunha nova categoría, o adestrador salienta o reforzo do equipo con varios xogadores veteranos que permitiron dar máis solidez ao Universitario Campus Ourense. O vindeiro sábado día 17 de decembro xogarán contra o BCA Universidade o seu último partido de competición de 2011, antes dun merecido descanso no que de todos os xeitos continuarán adestrando e perfeccionando o xogo para comezar 2012 en plena forma.

A satisfacción que comparte o equipo faise extensible ao coordinador de baloncesto do campus de Ourense, Luís Pérez, que salienta o "bo traballo que está a realizar no só o equipo sénior masculino senón tamén o feminino e o júnior, facendo un esforzo cada semana por mellorar os resultados e o xogo". Por este motivo, anima á comunidade universitaria e aos ourensáns en xeral a que se afeccionen a este deporte e a estes equipos e se acheguen a velos xogar no campus de Ourense.