DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun concurso virtual ao que concorren con vídeos en inglés ideados para escolares

Cancións e coreografías de 38 estudantes do Grao en Educación Primaria compiten en 'Univisión'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/12/2021

Impulsado pola docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Inés Lareo, coa colaboración da profesora do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro, Univisión é unha iniciativa na que, emulando o formato dun concurso de talentos, o alumnado da facultade elabora unha serie de vídeos nos que interpretan cancións en inglés, acompañadas das súas correspondentes coreografías, que son avaliadas polos nenos e nenas deste colexio. A situación provocada pola covid-19 impediu neste 2021 que o grupo de escolares que xa exercera como xurado nas anteriores edicións deste certame puidese desta volta achegar as súas cualificacións aos 18 vídeos realizados por 38 estudantes do Grao en Educación Primaria. Non obstante, coa participación de Lareo e Quinteiro e dos seus propios compañeiros e compañeiras como xurado, na tarde deste martes tivo lugar, de xeito virtual, a final deste concurso, na que o vídeo Don´t worry, be happy, de Helena Pardo e Raúl Cameselle se proclaba gañador desta nova edición de Univisión.

Inserido nas actividades da materia Lingua inglesa e a súa didáctica, as e os participantes debían gravar en vídeo as súas actuacións, que tiñan que incluír contidos en inglés, coreografías, vestiario e elementos dixitais, á vez que incorporar tamén algún contido en lingua de signos,  dado que, como explica Lareo, unha das integrantes do grupo de nenos e nenas que cada curso exerce como xurado ten un problema de audición. “Tivemos que readaptar o concurso ás necesidades do momento”, recoñece esta docente, que destaca que, máis aló de que o obxectivo era que puidesen ser avaliados polos nenos e nenas do A Xunqueira I, “saber reaccionar e adaptarse” constitúe tamén unha “aprendizaxe” para os futuros e futuras docentes. Pese a iso, recoñece tamén que as e os 38 participantes “esforzáronse moito" por tratar de achegarse coas seus vídos "aos gustos” dos nenos e nenas de Primaria. Mais, finalmente foron os seus compañeiros e compañeiras, xunto con Lareo e Quinteiro, os que se encargaron de avaliarw os diferentes vídeos deste concurso, no que o segundo premio foi para Pedro Durán e Alberto González.