DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este luns un acto de Aecc Ourense co gallo do día mundial desta doenza

Contra o cancro, prevención e un enfoque integral da enfermidade

Destacan que coa reforma sanitaria o tratamento dun paciente absorverá o 18% do orzamento familiar

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 04/02/2013
Non fumar, evitar a obesidade, facer deporte diario, comer san, moderar o consumo de alcol, evitar a exposición ao sol, cumprir a lexislación sobre exposición a substancias no traballo, facer probas de detección precoz de cancro de pescozo de útero a partir dos 25 anos e mamografías a partir dos 50, vacinarse contra a hepatite B e realizar probas de detección de cancro de colon desde os 50 anos. Estes son os once consellos que a UE dá aos seus cidadáns para loitar contra esta enfermidade empregando a arma máis eficiente, a prevención. Once consellos que este luns foron lembrados no campus de Ourense co gallo da celebración do Día Mundial contra o Cancro.

A delegación en Ourense da Asociación Española Contra o Cancro Aecc foi a encargada de organizar no campus un acto no que pacientes, voluntarios da entidade e público en xeral se quixeron unir a esta conmemoración e asistir en directo vía web ao Foro contra o cancro. Por un enfoque integral. Detectalo a tempo, pode salvarnos a vida, que organizou Aecc en Madrid coa participación de numerosas autoridades e especialistas. Contra os recortes en sanidade e servizos sociais, as persoas que traballan día a día coas mulleres e homes que padecen esta doenza e cos seus familiares, quixeron aproveitar esta conmemoración para reivindicar tamén o investimento en sanidade e evidenciar as consecuencias do Real Decreto 16/2012. No caso de que se diagnostique un cancro a algún dos membros dunha familia tipo en España, denunciaron desde Aecc, o investimento en saúde pasaría a significar dun 3% do orzamento familiar actual a un 18%.

O investimento máis eficiente

Beatriz Rodríguez, psico-oncóloga de Aecc en Ourense, foi a encargadas de presentar xunto a Agustín Pérez o acto celebrado en Ourense e no que destacaron a importancia dun enfoque integral á hora de atender aos pacientes. “O cancro é unha enfermidade que afecta a nivel biolóxico pero tamén a nivel psicosocial e polo tanto é imprescindible que se aborde atendendo a estas dúas cuestións”, destacou Rodríguez. Segundo os datos que manexa a súa organización, cada ano se diagnostican unha media de 200.000 casos de cancro en España, país onde no ano 2010 morreron algo máis de 107.000 persoas por esta enfermidade.

A pesar da dureza das cifras que se manexan, desde a Asociación Española contra o Cancro tamén quixeron mandar unha mensaxe positiva, pois aínda que se descubran máis casos de cancro, destacan, tamén aumenta a taxa de éxito de curación. Neste senso, fixeron fincapé no aspecto fundamental da prevención a través de hábitos de vida saudables e da detección o antes posible. Para avanzar neste segundo punto, Aecc traballa actualmente para que no caso, por exemplo, do cancro de colon, un dos de maior incidencia en homes e mulleres, se xeralice a diagnose precoz a través dunha proba de cribado de sangue en feces. Unha proba sinxela que, apuntaron, permitiría descubrir o antes posible a enfermidade e comezar a loitar contra ela.