DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No ciclo de conferencias sobre economía que hoxe comezou no campus ourensán

O candidato do PPdG, Alberto Núñez Feijóo apunta ao emprego, á competitividade e á internacionalización como claves para saír da crise

Este mércores será a quenda do consellerio de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 13/01/2009

O emprego, a competitividade, a internacionalización da economía, unha boa política medio ambiental e un territorio vertebrado e con infraestruturas, son as claves para saír da crise segundo Alberto Núñez Feijóo, presidente do Partido Popular de Galicia. A súa intervención inaugurou este martes no Edificio Xurídico-Empresarial o ciclo de conferencias O desenvolvemento económico de Galicia: propostas en tempos de crise, no que tamén participarán Alfredo Suárez Canal, conselleiro do Medio Rural e José Ramón Fernández Antonio, conselleiro de Economía e Facenda.
Núñez Feijóo, que agradeceu a invitación da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo á que definiu como “fábrica do talento e do coñecemento”, ofreceu durante case unha hora a súa visión, diagnose e propostas de solución “do principal problema que preocupa aos galegos”. O candidato do Partido Popular á presidencia da Xunta de Galicia, fixo un repaso durante a súa intervención “de onde vimos, onde estamos e cara onde queremos ir”, que o levou dende os anos 80, co inicio do autogoberno de Galicia, pasando pola entrada de España na Unión Europea para chegar á actualidade coa crise económica mundial.
Ao seu carón estiveron presentes Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense, que destacou que “a problemática económica aféctanos a todos, incluída á Universidade”. Pola súa banda, José Carlos Yáñez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, plantexou a “necesidade de procurar fórmulas que nos permitan remontar a situación actual” e repasou as cifras da crise en Galicia.
Alberto Vaquero García, secretario da facultade, e Santiago Lago, profesor de Economía aplicada, foron os outros dous compañeiros de mesa do conferenciante. Lago, que foi o encargado de presentar a Núñez Fejóo, deixou claro que este ciclo ten lugar aquí por que “Ourense tamén pode ser o centro do debate económico e, na medida en que o acheguemos aquí, será máis doado transmitir aos políticos as cuestións que preocupan a cidadanía ourensá”.

De onde vimos?

“A modernización da economía galega tivo un grande impulso coa instauración do autogoberno nos anos 80”, declarou o candidato que sinalou que xa década dos 90 “conseguimos unha estabilidade política que xerou un clima de confianza que fixo posibles políticas estratéxicas no ámbito da economía”. Todo isto levou a Galicia a acadar dous indicadores económicos moi positivos, “as taxas de crecemento da economía e converxer co resto de España en renda e en emprego”. Durante estes 20 anos “as estratexias baseadas na confianza e na estabilidade permitiron o benestar das familias, maior incorporación das mulleres ao mercado laboral e baixar dez puntos as taxas de desemprego”. Aínda que “non se conseguiron todos os propósitos”, para Núñez Feijóo “iniciouse un camiño que era o axeitado para acadar os obxectivos de benestar, de emprego e de desenvolvemento económico”.

Onde estamos?

Tras unha análise das cifras que arroxa a crise en canto a número de desempregados, taxas de ocupación laboral e afiliación a Seguridade Social, aos salarios medios e a produtividade entre outros moitos datos extraídos dos informes do Instituto Nacional de Estatística e o Instituto Galego de Estatística; a diagnose de Feijóo é que “estamos a vivir a crise de maior importancia da nosa democracia, superando a do ano 93”. Segundo a súa opinión, “o plus de resistencia que se di que temos na nosa comunidade porque a taxa de paro é inferior a media española é descoñecer a propia historia económica de Galicia”, xa que dende 1976 a 1998 “a media do paro galego sempre foi inferior a de España e a nosa economía non era mellor ca nacional”. En palabras do presidente do PPdeG “máis ben temos un plus de vulnerabilidade, xa que están en crise os principais motores económicos: os sectores industriais maduros e os sectores intensivos en man de obra”. En resumo, o seu balance desta situación é que “nos atopamos coa tormenta perfecta: crise financeira, prezos que se derruban e altas taxas de paro”.

Cara onde imos?

Para Núñez Feijóo “frear a hemorraxia económica, crear emprego, abrir Galicia ao exterior, considerar o medio ambiente como un sector estratéxico e facer un desenvolvemento equilibrado do territorio”, son as solucións para saír desta crise. Para comezar, o primeiro que hai que ter é “un liderato político cun proxecto único”. Entre as súas apostas para o futuro adiantou o seu desexo de “construír o AVE de Ourense a Lugo con cartos da Xunta de Galicia” e tampouco se esqueceu da educación, “unha fonte de liberdade e garantía de dereitos” onde salientou “a importancia de mellorar, especialmente en idiomas”.
Galicia ten moitas oportunidades pero “hai que saber aproveitalas, non hai política social sen política económica”, asegurou. Segundo explicou “podemos competir se incrementamos o valor dos nosos produtos e apostamos polo uso intensivo do capital tecnolóxico”. Entre os plans que o PPdG levará a cabo, “no caso de contar coa confianza dos cidadáns nas próximas eleccións” destacou como prioritarios frear a destrución de emprego, incrementar o crecemento económico per cápita, mellorar a produtividade, facer de Galicia un lugar atractivo para investir e incrementar as exportacións.