DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 17 votos a favor, 22 en contra e 4 en branco, Pedro Pablo Gutiérrez non foi elixido

A candidatura presentada á elección de decano en CC Sociais e da Comunicación non acada o respaldo necesario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 30/03/2009

A candidatura ao decanato da Facultade de Ciencia Sociais e da Comunicación encabezada polo profesor Pedro Pablo Gutiérrez non acadou o respaldo necesario na votación celebrada esta mañá no centro e na que tomaron parte 43 dos 51 integrantes do censo do que forman parte docentes, PAS e estudantes.
Unha vez finalizado o reconto, dos 43 votos emitidos, 17 foron favorables e 22 contrarios á candidatura encabezada por Pedro Pablo Gutiérrez que tamén recibiu catro votos en branco. Uns resultados sobre os que o profesor do Departamento de Dereito Público Especial, non quixo realizar declaracións, aínda que deixou claro que os asume.
Ata que unha comisión xestora determine a data de celebración dun novo proceso electoral o ata de agora decano Alberto Pena seguirá exercendo o cargo en funcións. A celebración das novas eleccións produciríase previsiblemente antes de un mes.
A candidatura encabezada por Pedro Pablo Gutiérrez foi a única que concorreu a este proceso electoral, para o que o profesor formaba equipo con Mónica Valderrama como vicedecana de Calidade e Investigación; Francisco Javier López no videcanato de Asuntos Económicos e Profesores, e Juan Manuel Corbacho á fronte de Alumnado e Mobilidade. A profesora Aurora García pechaba o equipo como secretaria de decanato.