DUVI

Diario da Universidade de Vigo

EducaBarrié premia un vídeo de alumnas do campus sobre a evolución do ensino

Cando comecei na escola alá polos anos 30...

Na peza o xornalista Luís Padrón relata os seus recordos educativos

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 22/05/2013

Luís Padrón é un xornalista ourensán xa xubilado. Os seus 88 anos permítenlle ter lembranzas de etapas moi diferentes da educación en España e por este motivo foi elixido por un grupo de alumnas do grao de Educación Infantil do campus de Ourense para protagonizar un audiovisual que tiña por obxectivo botar unha ollada histórica á “escola dos nosos avós”. A peza vén de obter o primeiro premio á Mellor Reportaxe Multimedia Universidade do I Concurso de Historia da Escola en Galicia da Fundación Barrié.

O proxecto, que se realizou no marco dunha materia da docente Rosa Mª Cid, estivo realizado polas alumnas Beatriz Gómez María José González Alba López María Miguélez e Elena González. Baixo o título A escola en Galicia nos anos 30. Lembranza de Luis Padrón, estas universitarias gravaron a Luís Padrón relatando os seus recordos educativos da infancia no Museo Pedagóxico da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. “Foi unha experiencia inesquecible e nunca imaxinamos que conseguiríamos ademais o primeiro premio de EducaBarrié. Foi unha gran sorpresa e ao mesmo tempo unha satisfacción para todas”, destaca María Miguélez.

“A iniciativa destas alumnas e o traballo que realizaron é excelente. Realizar unha vídeo non é unha tarefa fácil para as persoas alleas ao mundo audiovisual e elas puxéronse mans á obra con moito empeño, destacando a orixinalidade de ambientar a reportaxe no museo da facultade e o feito de que intercalaron no vídeo imaxes dun neno de seis anos que fai o papel de Luís cando era cativo. Só podemos felicitalas polo traballo feito e polo premio conseguido”, subliña Rosa Mª Cid. A experiencia, explica a docente de Aprendizaxe das Ciencias Sociais, ten o valor non só de recoller un testemuño concreto senón que permite axudar a recuperar a memoria viva dos maiores e axudar así a rescontruír a historia do ensino en xeral.

De rezar a cantar a Internacional

Durante o audiovisual, que dura case 15 minutos, Luís Padrón vai relatando os seus primeiros recordos da infancia, desde que con cinco anos empezou a recibir clases particulares ata que comezou no colexio Calvo Sotelo do Carballiño e logo foi aos xesuítas en Valladolid. Durante o seu relato tamén conta como a II República e a instauración do franquismo mudou os hábitos na escola, de como o ensino se moveu entre ter que rezar e aprender a cantar a Internacional. “Na escola imitábase o que pasaba na rúa”, destaca no vídeo o seu protagonista, que lembra cun sorriso como cando el comezou o seu material de clase era unha lousa, non habendo nin papel nin bolígrafos e sen soñar sequera que hoxe en día habería ordenadores nas aulas.

“Ao longo do vídeo fomos preguntándolle por temas de interese sobre a educación na época, como os materiais que empregaban, se había nenos e nenas nas mesmas aulas, se había castigos físicos ou como estaba presente ou non a relixión e a política nos colexios, entre outras cuestións”, apunta María Miguélez. A todas elas o entrevistado foi contestando, despois de reporse da sorpresa inicial de verse implicado na gravación do vídeo, xa que a súa filla o levou á Facultade de Ciencias da Educación sen comentarlle cal era o obxecto da súa visita, para evitar que se negara a participar na iniciativa. “Superadas as reticencias colaborou moito connosco en todo e hai que agradecerllo, agradecemento que queremos facer extensible a todas as persoas que nos axudaron a facer este audiovisual”, apuntan as promotoras do vídeo, que elas mesmas se encargaron de gravar e de editar con material que conseguiron reunir entre familiares e amigos.