DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolle un curso sobre Comunicación para o desenvolvemento a cargo da experta Marta

Cando a comunicación contribúe ao progreso dos máis desfavorecidos

O concepto, orixinario de América Latina, está moi pouco expandido polas universidades españolas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 20/09/2011

Cando se pensa en comunicación, comunmente se asocia aos medios de masas nos que o sector maioritario da sociedade actúa de simple receptor. Agora ben, os roles poden mudar se se fala de comunicación para o desenvolvemento, “concibida como un motor de apoio e de acción social para mellorar as condicións da contorna, máis aló da manipulación e da persuasión”, explica Marta Rizo, profesora da Universidad Autónoma da Cidade de México, que imparte un curso especializado nesta materia na Casa das Campás. O termo, orixinario de América Latina, é pouco coñecido entre as universidades españolas, “tamén debido a que as necesidades e as precariedades da poboación non son comparables coas de Latinoamérica”.

A comunicación para o desenvolvemento supón a defensa dunha perspectiva social na que todas as ferramentas de interacción e de relación sexan empregadas para “resolver problemas e xerar progreso en comunidades humanas”. Afástase do emprego de medios masivos pois busca a comunicación interpersoal “a nivel micro”, detectando cales son os problemas máis urxentes dunha comunidade “para intentar mellorar a súa situación”. As principais áreas de traballo soen ser a saúde, a ecoloxía e o medio ambiente, "promovendo campañas a prol da alfabetización dos nenos ou outras que eviten o embarazo non desexado entre adolescentes ou a transmisión do VIH”. Trátase, en definitiva, de empregar a comunicación para a concienciación, “para promover, cambiar e transformar o mundo en algo máis xusto e mellor”.

Neste contexto social, a comunicación tamén se emprega como técnica de superación persoal. Así moitas das iniciativas que desenvolven en América Latina teñen como finalidade o ensino de ferramentas comunicacionais entre as poboacións máis desfavorecidas . “É moi gratificante ver que mulleres que nunca colleron un bolígrafo sexan quen de escribir unha noticia sobre a súa comunidade e de sacar fotografías”, exemplifica Rizo. Estas actividades serven tanto para impulsar a súa capacidade intelectual “como para perder o medo a expresarse, concienciándoas de que tamén teñen voz e dereitos”, engade.

Proxectos de comunicación en colaboración

Á hora de deseñar un proxecto de comunicación destas características, o máis importante é a diagnose da situación, “que neste caso non o constrúe o investigador, senón que se fai conxuntamente coa comunidade estudada”. Nestes casos “o experto soe funcionar máis ben como un facilitador que capacita á xente autóctona para desenvolver todo o proceso en colaboración e unidade”. A diferenza de América Latina, onde os proxectos de comunicación para o desenvolvemento son promovidos dende as universidades e dende os propios gobernos, “en España o termo está moi pouco explotado, o que o converte nun campo moi fértil tanto para a reflexión académica, como para a reflexión social”.

O curso está dirixido en primeiro termo aos estudantes de doutoramento da REAL CODE, Red Euroepa América Latina en Comunicación y Desarrollo, da que forman parte catro grupos de investigación das universidades galegas, dous deles pertencentes á Universidade de Vigo. A rede de carácter internacional complétase con outros catro grupos españois, así como un portugués, un colombiano e un brasileiro.