DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición ‘La tropa de misteriosas manos flotantes’ ata o 31 de xullo no Centro Torrente Ballest

Cando o debuxo se concibe como un proxecto artístico en si mesmo

Participan profesores e alumnos da Facultade de Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 21/07/2011

De simple técnica a expresión artística en si mesma. Esta evolución é a que levou ao profesor Nono Bandera a comisariar a mostra colectiva La tropa de misteriosas manos flotantes, exposta no Centro Torrente Ballester ata o vindeiro 31 de xullo. Profesores e estudantes da Facultade de Belas Artes, “que senten paixón polo debuxo”, uníronse “para renderlle unha homenaxe como proxecto vital e artístico”, explica Bandera. Do mesmo xeito, os retratos de nais e fillas da alumna Natalia Umpiérrez tamén se atopan expostos na sala de proxectos do CTB baixo a mostra Cuando se lleva en la sangre, coordinada pola tamén profesora Susana Cendán.

Cando Bandera decidiu asumir a responsabilidade de organizar unha exposición arredor do debuxo, en primeiro termo reflexionou o que significaba para el. Neste sentido lembra a transformación que viviu esta forma de expresión, pasando de ser unha técnica a arte en si mesma. “Nos meus tempos de estudante, alá polo anos 70, o debuxo era unha tortura. Pasabas o primeiro curso facendo retratos de anatomía e de estatuas porque se concibía como unha ferramenta de aprendizaxe máis”, explica o profesor. “As xeracións posteriores xa entenden o debuxo como unha forma de comunicación autónoma, non como algo para aprender”, engade. Así, as profesoras Elena Fernández e Natividad Bermejo e os ex-alumnos Sae Aparicio, Olmo Acuña e Tamara Feijoo, entre outros artistas, participan na exposición coas súas reflexións retratadas, “que van dende instalacións a pladures de grandes dimensións”.

A mostra é o resultado das súas "miradas como artistas", nas que lonxe da perfección clásica “e de todo aquilo que teña que ver coa harmonía, coa proporción e coa orde”, optan por un ideal romántico no que se representa “a desproporción, a desorde e o caos como parte dos espazos vitais e persoais”. O título da exposición, La tropa de misteriosas manos flotantes, fai referencia a un grupo de artistas con inquietudes comúns que se unen para describir o que os rodea, “un mundo de aparencias cargado en ocasións de escuras fantasías e, noutras, de alegres e divertidos momentos”. Para os artistas o debuxo é pensamento e, como tal, “é un acto no que a man debe e ten que voar”.

Unha reflexión sobre as relacións familiares

Natalia Umpiérrez, alumna do Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual e titulada en Belas Artes, atreveuse cunha exposición individual no Centro Torrente Ballester, “unha mostra ben interesante dunha novísima promesa”, explica a profesora Susana Cendán, comisaria da mesma. Así, Umpiérrez, en Cuando se lleva en la sangre, fai unha compilación de retratos de nais e fillas debuxados por ela mesma, inspirándose en fotografías que a artista foi seleccionando aleatoriamente por diferentes páxinas web.

A obra de Umpiérrez goza de dúas lecturas. Por unha banda, achega unha reflexión sobre a herdanza e as relacións familiares, “así como sobre todas as dependencias que se xeran, traducíndose en medos, traumas ou carencias que se orixinan na infancia e que modelan o noso carácter e que perduran no noso ADN para sempre”. Por outra banda, rexistra o poder dos estereotipos e a súa influencia ao longo da historia, “xerando mitos que superan a calquera relato de ficción”.