DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cando emprender depende da fame que teñas de cambiar as cousas

O ex alumno Cesáreo García achegou aos futuros profesionais reflexións sobre o traballo en tempos de

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 09/01/2013

Emprender non é so unha cuestión de ideas, senón tamén de actitude. Polo menos iso é o que defende Cesáreo García, un ex alumno da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que retornou hoxe as aulas para achegar aos futuros enxeñeiros e enxeñeiras algunhas reflexións persoais sobre ao devir dun profesional en tempos de crise. E nunha época con seis millóns de parados que tenta superar unha burbulla económica “non so hai que aprender, senón tamén emprender”. “Temos que entender o emprendemento como a capacidade que temos todos de ver as cousas que non nos gustan e cambialas”, salientou García antes de pór como exemplo a solución a un dos problemas que a el lle afectan na cidade na que vive, Montevideo, como comprar froita fóra de horario ou sen te que saír da casa. A solución, montar unha tenda virtual que aínda non existe. “As crises forman parte da vida dunha persoa e é normal non saber o que facer. Pero a xente crece ante as crises e faise máis forte: o único que non lles permite crecer é non actuar”, salienta.

Para García, a clave da supervivencia está “na fame que tes de cambiar as cousas” e, para iso, non so hai que ter a idea, senón “a capacidade de executala ou de atopar novas solucións a vellas teimas”. Para facelo non chega ter unha titulación, hai que desenvolver as nosas competencias transversais, segundo García “aquelas cousas que usamos todos os días, que non forman parte do noso currículo académico pero que marcan a diferenza á hora de traballar”. O enxeñeiro fai xirar este eixo sobre tres pes: a produtividade persoal, a capacidade para xestionar tempo e recursos; os proxectos, poder concretalos e “aterrizalos”; e a presentación, porque “de nada vale o que traballo feito se a persoa que tes diante non é capaz de distinguir o que é importante do que non”.

Dous tipos de traballadores

Apoiándose na curta de Juanfer Andrés e Esteban Roal 036, en referencia ao modelo que é preciso cumprimentar para darse de alta como autónomo ou empresa, o enxeñeiro expuxo os dous tipos de profesionais que podes atopar ao longo da túa carreira: os que achegan solucións e os que só dan problemas “propoñas o que lle propoñas”. Algo moi importante cando tes que traballar cóbado con cóbado con outra persoa, pero sen dúbida fundamental cando vas levar a cabo unha selección de persoal. Segundo Cesáreo García, o traballador debe ter “autonomía, ser capaz de resolver cos seus recursos os seus problemas; responsabilidade, recoñecendo cando se equivoca e ser capaz de manexar os seus erros e fracasos; e excelencia, entendido como a capacidade de innovar non día a día”. Ao fin e ao cabo, cando se emprende se está a investir cartos e en persoas.

Doce semanas para deixar de falar

Con todas estas ideas na man, Cesáreo García e a súa muller puxeron en marcha o proxecto 12 Semanas, co que tratan de axudar a todo aquel que teña unha idea a desenvolvela e convertela nun produto concreto. Trátase de "deixar de falar e actuar" a través de proxectos pequenos, duns 30.000 euros anuais, que serven para “aproveitar o talento que hai”. Durante arredor de tres meses, García axuda a planificar e desenvolver plans de futuro aportando o necesario para pór en marcha o proxecto o antes posible, dende formación ata un servidor, o software ou, o máis importante, unha dirección técnica.