DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expertos amosarán durante catro días os segredos da seguridade telemática

Cando estar informado supón a diferenza entre ser libre ou escravo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 27/06/2011

Navegar por internet é como conducir un coche: dáa liberdade, comodidade e un “servizo extraordinario” pero ao mesmo tempo “pode ser un auténtico perigo do que non somos conscientes ata que temos problemas”. Para dar as ferramentas precisas para alcanzar unha privacidade e unha protección de datos reais, Extensión Universitaria organiza en colaboración con Hermes Sistemas o curso Cara a seguridade telemática, que chega a súa sexta edición no Edificio Fundición coa idea de achegar linguaxes técnicos e xurídicos, xa que “aínda que todos falamos español parece que empregamos idiomas distintos”, asegurou José Luis Rivas, director do curso. O obxectivo principal é analizar as tecnoloxías máis recentes para a protección do usuario e mostrar as solucións existentes da man dunha recua de expertos como José Parada, de Microsoft Ibérica, “aos que é moi difícil ter acceso, sobre todo nun mesmo curso”.

Uns medios “tan avanzados e tan perigosos” que precisan que o usuario teña certa formación para “no caer nunha escravitude e evitar que haxa un control tanto da vida laboral como da privada. Empregar o correo electrónico é sinxelo, pero ninguén che di que os conservan durante certo tempo, por non falar dos teléfonos móbiles, cos que poden controlar ata onde estás”, recoñeceu Laura López Atrio, ex concelleira de Educación do Concello de Vigo, durante a inauguración do curso. Por iso, para evitar problemas de intimidade ou riscos, esta iniciativa reunirá durante catro días a estudantes de todos os ámbitos para falar de temas como a regulación das medidas de seguridade e a conveniencia de sancións, a certificación europea de privacidade ou a protección de datos como un dereito fundamental, sobre todo no século XXI.

Un mundo do que non podemos fuxir

Nun mundo globalizado no que a sociedade ten que interactuar cada día con aplicacións telemáticas “sen poder fuxir” ter información é ter o poder. Cantos máis coñecementos teña o usuario máis sinxelo lle será poder discenir onde están os buratos negros polos que se escapa a seguridade. O exemplo máis sinxelo é o do correo electrónico. “Foi creado a imaxe e semellanza do correo tradicional: ti metes unha mensaxe nun sobre, escribes a quen vai dirixido e quen é o remitente, que pode ser falso. No e-mail ocorre o mesmo, pero demostra ti que quen envía a mensaxe se corresponde coa realidade. Aí é onde temos que completar os nosos coñecementos con outro sector. Outra cousa é a firma electrónica”, subliñou Antonio Domínguez Groba, director de Desenrolo de Hermes Sistema e o encargado de impartir o relatorio sobre o desenvolvemento de aplicacións seguras. Adaptarse aos novos tempos máis que unha especialización require “unha complementación”, ser bastante bo en varias cousas para poder saír airoso.