DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juana Mª Gil, experta en Dereito e ponente da Lei de Igualdade:

“Cando falamos de violencia de xénero non somos mulleres falando das nosas cousas, é violación dos dereitos humanos”

Ofreceu un relatorio dentro das actividades da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 12/03/2010
Para falar de violencia contra as mulleres, Juana Mª Gil, profesora da Facultade de Dereito da Universidade de Granada, “debemos comezar por falar das violencias de xénero, porque son moitas, máis aló das agresións físicas hai violencia psicolóxica, discriminación e falta de igualdade real”. E quen o di é unha das voces máis autorizadas do panorama nacional -participou como poñente da Lei de Igualdade- normativa que defende como instrumento útil de loita contra a violencia pero demandando, sempre e ante todo, formación de xénero. “De pouco serven as leis se quen as aplica, e a sociedade en xeral, non teñen formación en xénero” e para iso é para “o que debemos traballar, para sumar, temos que remover conciencias e informar, aínda que a un se lle quede o corpo roto pola metade de ver e oír algunhas cousas”.
E algunhas desas cousas foron experiencias de mulleres que Gil achegou ás asistentes, xunto cunha lista cos nomes das mulleres asasinadas dende o 2003 en España, “que sempre levo comigo para non esquecerme da importancia de seguir sumando”. Estas reflexións ofreceunas a profesora granadina nun relatorio ao abeiro das actividades da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas coa colabora dende hai seis anos, polo que quixo tamén referirse á nova colección de investigacións que se vén de publicar ao abeiro da mesma, entre os que se atopa un traballo seu.

Tirar pedras ás conciencias

Números e datos son moitas veces unha boa axuda para comprender situacións de enorme complexidade como a das violencias de xénero. Para encadrar o contexto no que se producen esas situacións, a profesora Gil quixo salientar que “as mulleres somos o 52% da sociedade, non somos un colectivo, somos a maioría”. Con todo, séculos de discriminación e desigualdade fan moi complicado “cambiar unha sociedade a base de decretazos”.
Na súa opinión o dereito non fai milagres, é un instrumento máis que ata non fai tanto tempo, por exemplo, incluía o adulterio e o amancebamento como delitos diferentes segundo sexa home ou muller o autor da infidelidade. “Isto foi ata 1978 e ordenamento xurídico recollía tamén a vinganza de sangue ata 1963”, comentou. “O cambio debe ser ademais de xurídico, cultural”, xa non podemos deixar que se fale de mulleres mortas, “son asasinadas”, e defendeu tanto a Lei de Igualdade como a Lei integral de medidas de protección contra a violencia de xénero. “Non hai leis perfectas pero todos debemos colaborar para facer achegas, mellorar e cambios”, explicou.
Sobre o incremento do número de asasinadas ano tras ano, Juana Mª Gil incide en que detrás hai un aumento das revoltas, “canto máis nos revolvemos as mulleres, canto máis queremos crecer autonomamente e progresar profesionalmente, máis aumentan as agresións. Explicou tamén que este é o motivo polo que nos países nórdicos, onde hai moito máis camiño andado en temas de igualdade, tamén existe un maior ratio de violencia, porque as revoltas son maiores e esta é a mesma causa do aumento de agresións ás adolescentes.

As violencias de xénero

Xunto coa formación en xénero, a profesora Gil incidiu especialmente en que son moitas as violencias de xénero e, cando se buscan solucións a este tema, “non son mulleres falando das súas cousas, son violacións dos dereitos humanos”. Así, incidiu na importancia das denuncias, xa que sen elas a maquinaria legal non se pon en marcha e explicou que cando unha muller se decide a denunciar é normalmente tras 20 ou 30 anos de maltrato e cando comezan a sufrilo fillos ou maiores. “Eu vin hoxe aquí a tirar pedras contra as conciencias e a sumar, a aumentar os esforzos nesta loita e iso faise contando a verdade”. Unha desas verdades é o recoñecemento, que mesmo fai o propio lexislador, de que as dúas lexislacións vixentes neste campo -a Lei da Igualdade e a Lei integral de protección- xorden do movemento feminista. “Conseguir cousas sen ter poder ten moito mérito” e, a pesar do que a xente cre, “a perspectiva de xénero non se intúe”, é imprescindible a formación, ler as autoras feministas e deixar de lado prexuízos e estereotipo, “con ter sensibilidade non é suficiente”.