DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acollerá en marzo o curso complementario 'Intelixencia emocional, talento e empregabilidade

Cando a formación non é o único necesario para atopar traballo

Expertos en recursos humanos explicarán ao alumnado que aptitudes deben potenciar para a súa inserci

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 26/02/2014

Nuns tempos nos que non abondan as ofertas emprego, factores máis alá da formación académica poden resultar decisivos á hora de atopar un posto de traballo. O desenvolvemento de habilidades en campos como a comunicación ou a intelixencia emocional está a adquirir unha crecente importancia á hora de transitar con éxito do mundo académico ao profesional e, por iso, a Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento organiza un curso complementario de carácter gratuíto dirixido a amosar o alumnado a “importancia dunha serie de competencias transversais que lles van axudar de cara a súa inserción no mercado laboral”, apunta Ignacio Armesto, director da Área de Emprego.

Diferentes expertos en recursos humanos encargaranse de impartir os cinco módulos de Intelixencia emocional, talento e empregabilidade, curso no que tratarán de amosar aos asistentes como potenciar o seu talento, comunicarse con maior eficacia ou analizar as súas características diferenciadoras para poder deseñar a súa propia marca persoal. O papel que xogan as relacións persoais no mundo laboral, a intelixencia emocional, a empatía ou a asertividade serán así mesmo outros dos aspectos nos que se porá o foco nesta actividade que se desenvolverá tanto no campus de Pontevedra como no de Vigo. “Cando no mercado laboral, existe unha maior oferta de persoas cunha determinada formación que demanda, estes factores adquiren unha importancia crucial á hora de buscar traballo”, salienta Armesto, que explica que o obxectivo central dunha actividade que conta co patrocinio do Consello Social é “concienciar ao alumnado da importancia de todas estas cuestións e darlles algunhas pistas para que poidan desenvolver esas habilidades”.

Aberto o prazo de matrícula

Dirixido tanto ao alumnado universitario como ás persoas tituladas no curso 2010/2011 ou posteriormente, este curso de 20 horas de duración desenvolverase entre o 13 de marzo e o 10 de abril tanto no campus de Pontevedra como no de Vigo. En ambos casos, as persoas interesadas deberán preinscribirse a través da plataforma Bubela e posteriormente remitir á Vicerreitoría de Transferencia de Coñecemento unha copia do seu DNI, unha carta asinada na que manifesten o seu compromiso de asistir a todas as sesións e un xustificante de matrícula ou unha copia do expediente académico, no caso de estudantes egresados. Esta información deberá ser presentada en calquera das oficinas de rexistro da Universidade antes do 6 de marzo, informa Armesto, que subliña que as prazas para esta actividade formativa son limitadas e que serán cubertas por orde de inscrición.

De impartir os cinco módulos que, no caso do campus pontevedrés se desenvolverán nas mañás dos xoves nun espazo por determinar, responsabilizarase un grupo de expertos en recursos humanos que encabeza Belén Varela, presidenta de Aedipe Galicia (Asociación española de dirección e desenvolvemento de persoas), e completan Sandra Prieto, directora de Valores; Javier Cebreiros, gerente de InfoJC; e Sandra Mesías, responsable de comunicación de Aedipe.