DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A bienal Arte no Morrazo inclúe entre os seus premios unha bolsa para estudar un máster en Belas Art

Cando gañar un concurso abre as portas dos estudos de posgrao

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 19/03/2014

Os certames artísticos son sempre unha interesante plataforma para que o alumnado e os egresados da Facultade de Belas Artes poidan obter recoñecemento e difusión para o seu traballo, así como unha achega económica que nunca lle ben mal a ninguén. Mais no caso da Bienal Arte no Morrazo, que promoven o Concello de Cangas e a empresa Frigoríficos do Morrazo, a estes dous alicientes súmase un terceiro, a posibilidade de ampliar a formación a través dun premio-bolsa dotado con 3000 euros, destinados a sufragar os custos dos estudos de máster do gañador ou gañadora na facultade do campus pontevedrés.

Na convocatoria da vixésimo primeira edición deste concurso aberto á presentación de obras pictóricas e escultóricas e que no 2014 adoptou o formato de bienal inclúese por segunda vez entre os premios unha bolsa que ten a mesma dotación económica que os tres galardóns en metálico. Máis neste caso, a contía xa ten un destino, a matrícula no máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación da Facultade de Belas Artes, así como o material que precise para a súa formación. Loxicamente, só poderán optar a este premio aquelas persoas que acrediten estar en posesión da titulación necesaria para acceder a uns estudos de posgrao, polo que, na súa inscrición, deberán achegar unha copia do seu expediente académico, así como un escrito no que se comprometen a continuar os seus estudos no caso de resultar seleccionados. Segundo se estipula nas bases da bienal, este premio estará dirixido, “preferentemente e sen que sexa excluínte”, ás persoas nacidas ou residentes nos municipios do Morrazo, aínda que poderá optar ao mesmo todo aquel “que especifique o seu interese en facelo”.

“Nestes tempos de crise é unha boa fórmula vincular os premios e os recoñecementos ao traballo á formación”, destaca o decano de Belas Artes, Juan Carlos Meana, que define este concurso como unha "importante plataforma para promover a formación dos artistas". Meana fai énfase tamén na implicación da administración e a empresa privada nesta iniciativa, xa que permite “abrir outras vías de colaboración entre a Universidade, as institucións e a iniciativa privada”. Así mesmo, o decano tamén apunta que Arte no Morrazo é “un concurso de carácter internacional con moito prestixio no que nos encanta colaborar”, ao tempo en que incide en que “unha alta porcentaxe dos seleccionados adoitan ser tanto alumnos como ex-alumnos da facultade”.

Presentación de proxectos ata o 1 de abril

Segundo se recolle nas bases desta XXI Bienal Arte no Morrazo Concello de Cangas - Frigoríficos do Morrazo, as persoas interesadas en participar neste certame dispoñen de prazo ata o 1 de abril para presentar un dossier co seu currículo e cinco fotografías das súas obras, entre as que estará incluída a da pintura ou escultura que presentan ao concurso. Nunha primeira fase, o xurado deste premio seleccionará as 50 obras que formarán parte da exposición que se levará a cabo entre o 6 de xuño e o 18 de xullo. De entre as obras seleccionadas para esta mostra colectiva, o xurado elixirá posteriormente as catro premiadas, que se darán a coñecer no acto de clausura desta exposición e que pasarán a formar parte dos fondos das entidades patrocinadoras.

Entre as novidades desta vixésimo primeira edición figura tamén a posibilidade de realizar a inscrición de forma interactiva, enviando o dossier aos enderezos electrónicos arte@cangas.org ou auditorio@cangas.org.