DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O experto Carles Ramió analiza a relación entre a clase política e alto funcionariado no seu último

Cando a inexperiencia dirixe á experiencia

Ao longo da obra emprega unha linguaxe suxerinte con referencias ao baile para animar á súa lectura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 18/12/2012

Unha parella condenada a entenderse polo ben común. Así define o catedrático de Ciencia Política e da Administración, Carles Ramió, a relación entre clase política e alto funcionariado no seu último libro no que analiza a situación actual da dirección pública no país. Como se dunha estraña parella de baile se tratase, o experto afonda na relación entre políticos e funcionarios “na que o inexperto dirixe ao experto”, xa que o primeiro, sen ser un especialista na materia, é o que ordena “ao que verdadeiramente ten experiencia”, explica Ramió que acudiu á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para impartir un seminario práctico ao alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública.

Convidado pola Área de Ciencia Política e da Administración e polo Consello Social da Universidade, Ramió visitou o campus para afondar nas claves da súa obra La extraña pareja: la procelosa relación entre políticos y funcionarios, recentemente publicada. Lonxe de atoparse unha publicación académica, o lector embárcase nunha especie de ensaio autobiográfico froito dos anos de experiencia do autor “nos dous frontes”, empregando unha linguaxe sinxela, “suxerinte ata cínica”, coa que debulla as principais problemáticas que xorden desta relación xerárquica entre funcionariado e clase política. Sinala catro, un ‘travestismo institucional’ no que “funcionarios fan de políticos e viceversa” sen unha clara diferenciación de funcións; unha falta de valentía para “librarse de tomar decisións e permanecer no cargo xa que non se coñece a ninguén que o cesaran por non facer nada”; unha ausencia de intelixencia cun funcionariado competitivo sen capacidade de análise e “unha mala xestión do amor” que deriva na falta de motivación e no desánimo do empregado público. Segundo o experto, traballar para a administración esixe vocación, “hai que estar namorado ou namorada da institución e ao completo servizo do ben común”, matiza, mais define as administracións como autistas e insensibles “polo que esta relación de amor faise insostible cos anos” dada a falta de correspondencia por un dos lados. Como consecuencia, o funcionario ou funcionaria “cánsase de esperar ou ben, é tan apaixonado ou apaixonada, que transforma ese amor en odio”, relata Ramió para describir os comportamentos máis habituais do corpo funcionarial do Estado.

Catro perfís para cada profesional

O experto dedica varios capítulos do seu libro a definir varios perfís tipo de políticos e altos funcionarios do país. Do primeiro grupo resalta catro: o comprometido, o pragmático, o desconfiado e o totalmente desinteresado, mentres que do segundo tamén fala de comprometidos, refractarios, cínicos e de ‘palmeiros’, “os que van dando palmas e lle rin todas as bromas ao político do que dependen, os que máis abundan na administración pública española”, consecuencia, segundo o experto, da ausencia dunha normativa que regule o acceso “discrecional” a postos de alta responsabilidade na dirección pública. De todas as combinacións posibles entre os diferentes perfís, “a parella ideal sería un político comprometido cun funcionario comprometido o que equivalería a un tango no símil de bailes que emprego ao longo do libro”, salienta Ramió. Non obstante, dado o nivel de empatía e de paixón “que xorde dun tango”, o catedrático chega a conclusión de que a combinación máis duradeira resultaría dun político pragmático cun funcionario comprometido “dando lugar a un charlestone no que se marca o ritmo dende a distancia sen a paixón do tango”.

En canto á linguaxe empregada, Ramió decidiu afastarse de tecnicismos e de complicados textos académicos para tentar chegar dunha forma directa ao seu público obxectivo, o alto funcionariado e a clase política. “Aos primeiros acostumo achegarlles a miña mensaxe con cursos de formación ou conferencias, pero cos políticos é imposible polo que optei por un libro desinhibido, animado, entretido, suxerinte e irónico, o que parece está funcionando”, conclúe.