DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Dereito reúne aos Membros Honoríficos do seu Claustro

Cando leis e sociedade camiñan xuntos da man

Dereito do mar, mercantil ou internacional centran as II Xornadas de Excelencia Xurídica

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noemí Rey DUVI 07/04/2011
Reavivar vínculos facendo pisar de novo as aulas a todos os xuristas nomeados Membro Honorífico do Claustro de profesores no día de San Raimundo de Peñafort, o seu patrón. É así como a Facultade de Dereito quere festexar os seus 20 anos de vida, inmerso en plena xuventude pero co firme obxectivo de crear un contrato entre Universidade e sociedade que dure moitos anos máis. Nada mellor que facelo coas II Xornadas de Excelencia Xurídica, que tiveron unha primeira parte hai cinco meses coa presenza dalgúns dos pesos pesados do Dereito a nivel estatal, como Gonzalo Diéguez, Rafael Navarro, Enrique Orts ou Alejandrino Fernandez. "Queremos conmemorar as nosas dúas décadas de historia xuntando na medida do posible a xuristas de prestixio, aos máis punteiros no seu sector", explicou Miguel Ángel Michinel, decano da facultade.

Nesta segunda edición recollen o testemuño algúns dos máis destacados expertos en dereito do mar, mercantil ou internacional nunha iniciativa organizada en colaboración co Consello Social e coa Deputación de Ourense que está aberta non só ao alumnado universitario, senón tamén a todos os interesados na lexislación. Como "Universidade do mar que sodes", Manuel Sobrino, catedrátido de Dereito Internacional Público da Universidade de A Coruña, quixo facer un percorrido polos cambios de consideración que sufriron mares e océanos cando a humanidade deuse conta de que ademais "de ser útil para o comercio, a seguridade e a defensa era rico en recursos naturais". Foi aí onde comezou a batalla polas fronteiras marítimas, das que medio século despois aínda o 68% están por definir.

Un dos sectores máis documentados

Sen embargo, a pesar de todo o traballo que aínda queda por diante, o Dereito Marítimo é o que conta cunha codificación "máis ampla, intensa e que abarca máis ámbitos xurídicos", aínda que de forma tardía. "Un dos tratados internacionais máis importantes asinados nunca refírese ao mar, froito dunha conferencia que durou 10 anos e que en 1981 deu a luz un convenio con ambición omnicomprensiva", recordou Sobrino, pero que deixou atrás aspectos en boga hoxe en día "como a piratería, a contaminación marítima, a pesca ilegal ou os pavillóns de conveniencia". Todo por unha nova visión que xurde a partir da II Guerra Mundial, cando os países emerxentes comezaron a reivindicar o seu anaco do pastel: os primeiros foron Chile, Ecuador e Perú, pedindo a ampliación da franxa de mar pertencente ao Estado de 3 a 200 millas "para que a riqueza da corrente do Neno chegara ata os seus países"; outros pediron o control das profundidades mariñas, xa que a 3000 metros apareceran nódulos polimetálicos, sedimentacións de minerais como cobalto, niquel ou cobre do tamaño dunha pataca, que puña en perigo a países monoproductores como Zambia.

Por iso xurde a necesidade de declarar o fondo mariño como Patrimonio da Humanidade e acadar un pacto co que poñer paz ao levantamento dos países emerxentes. Un tratado no que España interviu dende o primeiro momento cun papel relevante, xa que ao Goberno preocupábanlle dous aspectos fundamentais dos textos provisionais que se estaban a redactar: o réxime xurídico dos estreitos, como Xibraltar, e os dereitos históricos da pesca, porque tiña unha grande flota de altura "e liscábannos de moitos lados polo establecemento de zonas económicas exclusivas". "Os homes chegamos coas nosas regras a compartimentar e poñer fronteiras aos mares e iso non é nada sinxelo", subliñou o catedrático da UDC.

Mañá, fin de festa

A última xornada deste ciclo de relatorios celebrarase máñá a partir das 17.00 horas. Entón será a quenda de Javier Lucas, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Valencia, que falará sobre o papel do Dereito na sociedade do menosprezo. Para pechar o ciclo, José Carlos Fernández e Diego-Manuel Luzón, que abordarán as luces e sombras da arbitraxe comercial internacional e a cuestión do consentimento no Dereito Penal.